Virxilio Da Silva substituirá a Glenn Zaleski para a súa actuación da noite do 3 de xullo no Festival de Jazz de Vigo

O pasado luns presentábase o programa do Festival de Jazz de Vigo, no que o pianista Glenn Zaleski aparecía como condutor de dúas das masterclasses, ademais da actuación no Auditorio Municipal do Concello de Vigo do martes 3 de xullo ás 22:30 h.

Unha lesión sofrida nas últimas horas vaille impedir actuar no citado concerto, tal e como estaba previsto, aínda que seguirá a cargo das masterclasses que xa estaban programadas para a mañá do luns, 2 de xullo e a do mesmo martes día 3.

A formación final programada para o martes, 3 de xullo, ás 22:30 h no Auditorio Municipal do Concello, será Da Silva/Douglas/Weinrib.

Virxilio da Silva, compositor e guitarrista, nace en Portonovo en 1984. Ata 2005, formouse integramente en Galicia: cabe destacar a súa etapa de formación jazzística xira no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (2001-2005) da man de Abe Rábade e Paco Charlín. Forma parte, pois, da primeira promoción de músicos de jazz saídos dese Seminario tan singular, sen parangón en ningunha parte do Estado Español, e que se vén denominando a terceira xeración do jazz na Galiza.

Ao longo da súa traxectoria profesional ten tocado, e mesmo nalgúns casos gravado, con músicos de renome a nivel nacional, estatal e internacional. Recibiu o 1º premio na segunda edición dos Premios Galegos da Música Martín Codax (2015) na categoría de Músicas do Mundo con Mónica de Nut polo disco Dos fíos invisibles nacen as cores, e na terceira edición (2016) na categoría de Rock co grupo Foxy Freire. Tamén en 2015 obtén o premio ao mellor solista no Keep an Eye International Jazz Award do Conservatorium van Amsterdam. Lidera a banda JUZZ desde 2016. Combina esta actividade, coliderando outros proxectos como Fuzzo, Loiros e Foxy Freire, e que mostran a variedade estilistica na que Virxilio se sinte especialmente cómodo.

As entradas para este concerto adquiriranse mediante as mesmas fórmulas que as dos outros concertos de pagamento. As persoas que xa adquiriran unha entrada para a actuación de  Glenn Zaleski poderán elixir entre quedar coa entrada para ver esta nova formación ou ben recibir o reembolso do custo do billete.