PANTOQUE – (MARCO)

Descripción: 

PANTOQUE é un proxecto creativo multidisciplinar, desenvolvido polo artista plástico Ramón Trigo e o fotógrafo e realizador audiovisual Eduardo Armada.

A idea primixenia de PANTOQUE é a realización dun proxecto artístico de investigación baseado na confluencia de dous modos de narración que parten dunha mesma realidade compartida: explorar coa linguaxe plástica e visual sobre o tanxible, o espazo arquitectónico e o proceso de traballo dun estaleiro. A través da observación da actividade diaria e a relación do ser humano co feito construído e o mar, ambas as dúas linguaxes interrelaciónanse na busca dun lugar común.

O espazo elixido é Astilleros Armada, situado en Bouzas, Vigo, dende os anos vinte, e con case un século de vida tras tres xeracións dunha familia inexorablemente unida ao mar e á historia da cidade. O proxecto parte da experimentación creativa sobre o espazo arquitectónico e o traballo dos operarios no estaleiro. Lugar, Arquitectura, Mar e Factor Humano.

En setembro de 2016, Ramón Trigo traslada o seu taller a Astilleros Armada. Alí, durante doce meses convivirá cos traballadores reinterpretando a actividade do estaleiro esfarelada pola súa visión plástica. Ao mesmo tempo Eduardo Armada documenta en vídeo e fotografía toda a acción. O proceso convérteos nun só home. O artista e a súa sombra. Dúas formas visuais de narración onde a pintura suxire e o vídeo e a fotografía documentan.

Data: 
Ven (16/11/2018) a Dom (31/03/2019)
Horarios: 
Martes a sábados (festivos incluidos): de 11 a 14:30 e de 17 a 21 horas. Domingos: de 11 a 14:30 horas
Lugar: 
Marco, salas de exposición da planta baixa
Organizador: 
Fundación Marco, coa colaboración da Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon NP_PANTOQUE_gal__0.pdf1.4 MB