O Maratón Fotográfico 2018, que se celebrará o 29 de setembro, chega á súa viséxima terceira edición

A Agrupación Fotográfica Galega organiza, coa colaboración da Concellería de Cultura, a viséxima terceira edición do Maratón Fotográfico que terá lugar na fin de semana do 29 e 30 de setembro.

Poderán participar todas aquelas persoas maiores de catorce anos que formalicen a súa inscrición o día do maratón (sábado 29 de setembro) na Cafetería Sifón (r/ Doutor Cadaval, 5), entre as 12:00 e 12:45 h. Tamén se poderá facer unha preinscrición on-line cubrindo o formulario disposto na páxina web "www.agrupacionfotograficagalega.com". Os/as participantes deberán aboar a cantidade de 10 euros, en concepto de inscrición.

Poderase participar en categoría analóxica ou dixital (só nunha delas), e concederanse tres premios á serie fotográfica dotados con 1.000 €, 500 € e 300 €, respectivamente.

A saída do maratón terá lugar o sábado 29 de setembro ás 13:00 h; os/as participantes deberán entregar as fotos na sede da AFG (r/ Uruguai, 17, entrechán D), entre as 13:00 h e as 14:00 h do domingo 30 de setembro.

Coas fotografías seleccionadas realizarase unha exposición no Museo MARCO en datas a determinar; no acto de inauguración desta exposición darase a coñecer o veredicto do xurado.