Los Hijos de la Montaña e Thor Harris no "Sinsal Outono 15"

A Concellería de Cultura colabora un ano máis con Sinsalaudio para a organización do prestixioso festival SINSAL, que se desenvolve dende hai quince anos na nosa cidade. Nesta ocasión, o Sinsal Outono 15 chega a Vigo con dous concertos: Los Hijos de la Montaña (28 novembro) e Thor Harris & Friends (15 decembro) no MARCO, ambos ás 20:30h.

Mestizaxe e hibridación sonora da man do proxecto de Sergio Mendoza chamado Los Hijos de la Montaña e a oportunidade de vivir a experiencia Thor Harris, nome fundamental da escena estadounidense vinculado durante anos aos Swans. Sinsal Outono 15 conta co apoio do concello de Vigo. As entradas, en ataquilla.com.

Los Hijos de la Montaña é o proxecto promovido polo estadounidense Sergio Mendoza, valioso colaborador de proxectos devotos da hibridación sonora como Calexico, Devotchka, Giant Sand, ou Instituto Mexicano del Sonido. Ademais, cerebro, xunto a Camilo Lara, da trastada que é Mexxrrissey (Morrisey pasado por unha túrmix azteca) e, ante todo, líder desa Orkesta Mendoza na que, inspirado polo gran Pérez Prado, insire unha miríada de xéneros latinos cun prisma psicodélico. Coa produción de Steve Berlin (Los Lobos) e coa complicidade da súa irmá, a cantante Luz Elena Mendoza, con Los Hijos de la Montaña explora o folclore latino en xeral e o mexicano en particular. Folk e cumbia, con espazo para unha psiquedelia pausada e crepuscular. O estadounidense presenta en directo esta exquisitez exótica acompañado do talento dunha vocalista soberbia, a colombiana Alea. Será o 28 de novembro no MARCO de Vigo ás 20:30h.

Á mesma hora, no mesmo lugar, pero o 15 de decembro, o Sinsal Outono trae a Vigo a Thor Harris, conectado na súa traxectoria por algúns dos nomes máis interesantes da escena musical das últimas dúas décadas. A súa intensa relación artística con Michael Gira, pero tamén a decisiva contribución de Harris á abraiante reformulación do son de Swans, até colaboracións con Shearwater, Devendra Banhart, Bill Callahan, Ben Frost, Xiu Xiu, Jenny Hval, Lisa Germano, ou Adam Torres. Semellante traxectoria, personalidade expansiva e sentido do humor delirante convertérono nunha das personalidades máis carismáticas da escena estadounidense.

Na aventura emprendida con Thor Harris & Friends, este carpinteiro, pintor, luthier e percusionista inspírase no minimalismo estadounidense e explora as súas posibilidades rodeado dunha nómina mutante de músicos residentes en Austin. O primeiro resultado desta aventura é un brillante traballo homónimo, no que marimbas, xilófonos e vibráfonos serven para construír unha excitante base polirrítmica sobre a que cobran vida melodías e texturas paridas con pedal steel, sintetizadores analóxicos, violíns, violas, contrabaixos, clarinetes, duduk e oboe.

O prezo das entradas é de 7 euros e poden adquirirse en ataquilla.com