FRANCISCO CURRA. O ABSTRACTO E CONCRETO. FOTOGRAFÍAS 1988-2005 – (CASA DAS ARTES)

Descripción: 

A Fundación Laxeiro presenta esta individual do fotógrafo Francisco Curra (Bueu, Pontevedra, 1964), un artista atípico cunha traxectoria de máis de trinta anos que apenas ten amosado o seu traballo en todo este tempo. Por iso, esta exposición ten certo carácter de primicia, de presentación dun autor que, a pesares da súa experiencia, practicamente se estrea no ámbito expositivo.

O abstracto e o concreto é un proxecto de síntese, realizado a partir dunha coidada selección de trinta fotografías analóxicas en branco e negro, datadas entre 1988 e 2005, procedentes do arquivo persoal do autor, nas que deixa constancia do seu talento para producir imaxes cunha gran carga poética, a partir do ámbito cotiá. Cun ton introspectivo, Francisco Curra vainos guiando pola súa intimidade, nun itinerario formado por interiores domésticos, retratos e paisaxes que consigue atraparnos a través dun tratamento formal impecable, no que as sutís gamas de grises e unha composición precisa, nos introducen de cheo nos límites do visible.

O abstracto e o concreto convídanos á fabulación a partir da contorna cotiá nun exercicio de contemplación que transcende as imaxes captadas para levarnos ao mundo interior do autor, no que seguramente, hai algo tamén do noso.

Data: 
Ven (05/04/2019) a Dom (09/06/2019)
Horarios: 
De Luns a venres.- De 18:00 a 21:00 h. Sábados.- De 12,00 a 14,00 e de 18:00 a 21:00 h. Domingos e festivos.- De 12,00 a 14,00 h.
Lugar: 
Fundación Laxeiro. Casa das Artes. Planta terceira
Organizador: 
Fundación Laxeiro, coa colaboración da Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon NP_expo_Francisco Curra.pdf567.15 KB