A exposición "A nova Colección Colmeiro" prorrógase até xaneiro

A exposición "A nova Colección Colmeiro", composta polos vinteún óleos do artista que se incorporaron no ano 2017 aos fondos artísticos municipais, xunto a 145 obras sobre papel, prorrógase na planta baixa da Pinacoteca FFR até o 27 de xaneiro de 2019.

Están presentes nela practicamente todas as etapas do autor: o seu retorno a Galicia nos anos 20 do pasado século, con vistas singulares do porto vigués; a súa interpretación crítica da realidade galega nos anos 30, en paralelo á definición do seu renovador estilo pictórico; o impacto da Guerra Civil española que o une en dramatismo a predecesores como Goya ou a contemporáneos como Picasso; o seu posterior exilio parisiense; o seu regreso e presentación en España nos anos 50, 60, 70, etc.

Na colección tamén están todas as temáticas que lle son propias: principalmente o seu país galego, que capta a través da súa xente en romarías e traballos, das súas paisaxes; os traballos de estudio; as súas incursións na mitoloxía; os retratos... traballos todos eles nos que a muller brilla como gran protagonista. E todas estas temáticas desde a gran  variedade de técnicas coas que as abordou: óleo, tinta, lapis...

Por todo isto, o ingreso deste conxunto de obras na colección municipal de arte galega debe ser entendido como un acontecemento cultural de primeira orde. Reunir estas novas obras coas que de Colmeiro xa posúe o Concello de Vigo, converten a nosa cidade en referencia ineludible para coñecer ao pintor en todas as súas expresións e na súa máxima dimensión creativa.