EXPOSICIÓN “TECIDO CRU III” - (CASA GALEGA DA CULTURA)

Descripción: 

O xoves 14 de decembro, ás 20:00 h, inaugúrase na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a mostra "Tecido cru III", organizada pola Universidade de Vigo coa colaboración da Concellería de Cultura, e comisariada polas profesoras Lola Dopico e Cristina Varela.

Esta exposición forma parte dun ciclo que se pecha agora. Unha reflexión que se desenvolveu ao longo dunha serie de mostras nas que se pretendeu un achegamento á metodoloxía e aos aspectos procesuais do deseño de moda. Este é o territorio en que nos centramos nas exhibicións presentadas durante os últimos tres anos. A tese que subxace ao longo deste ciclo, unificada baixo o título "Tecido cru", fala de procesos construtivos, da posta en marcha de ferramentas conceptuais e de habilidades na formalización. É unha xanela a través da cal ás creadoras lles permiten acceder á morfoxénese: ese momento de orixe da forma que se deixa ler nas pezas seleccionadas e que, por tanto, non permite unha lectura «de estilo», tan habitual no ámbito que nos ocupa porque non é un discurso de moda, senon que nos deposita ante o proceso de aprendizaxe, ensaio e achegamento á construción de volumes tridimensionais, materializados en tecido e destinados a ser sustentados polo corpo humano. Estas pezas son o resultado de investigación duns creadores/as e do seu enfrontamento primixenio cara á procura formal e conceptual, na que para desenvolver a súa investigación deben deixar en suspenso todos os seus prexuízos e afondar no seu propio proceso de individuación.

 

A exposición permanecerá aberta ao público até o 28 de xaneiro.

 

 

Data: 
Xov (14/12/2017) a Dom (28/01/2018)
Horarios: 
APERTURA (14-12-17): ás 20 h – RESTO PERIODO EXPOSITIVO: de luns a sábados, de 18 h a 21 h; sábados, domingos e festivos, de 12 h a 14 h
Lugar: 
Sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (pza. da Princesa 2, 36202 Vigo)
Organizador: 
Universidade de Vigo, coa colaboración da Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon folleto_expo_tecido_cru_2017.pdf4.75 MB