CONSTRUÍNDO COS MATERIAIS. ELENA COLMEIRO. 1958-2016 – (CASA DAS ARTES)

Descripción: 

Elena Colmeiro (Costela, Silleda, Pontevedra, 1932) é sen ningún xénero de dúbidas unha precursora da escultura cerámica en España. Inquieta e innovadora, investigadora de materiais e linguaxes foi quen de crear unha obra moi persoal, onde lles deu forma aos seus intereses plásticos, rompendo convencionalismos e investigando o uso de novos materiais industriais. A súa longa traxectoria artística viviu un proceso paralelo á súa evolución persoal, unha procura incesante de novas ideas e formas, de novos elementos sobre os que materializar os seus proxectos, "son unha persoa con necesidade de propostas. Cando consigo unha idea e diferentes solucións para aplicala non podo quedar aí, necesito facerme novas formulacións sobre ela porque se non terminaría nun facer gratuíto que non di nada".

"Construíndo cos materiais.Elena Colmeiro. 1958-2016" expón unha mirada retrospectiva sobre a traxectoria dunha das artistas máis importantes na renovación da linguaxe cerámica en España, aínda que cun escaso coñecemento entre o gran público. Unha mostra que reúne obra practicamente inédita, non mostrada anteriormente na súa maior parte, froito dun longo e continuo traballo de taller e realizada en Vigo, a mesma cidade onde Elena Colmeiro expuxo por primeira vez en España hai máis de sesenta anos.

Unha homenaxe pero tamén un percorrido a través dos diferentes elementos conceptuais e técnicos que ao longo da súa traxectoria foron marcando o sólido proceso investigador e creativo desta gran artista. Desta maneira, na exposición inclúense desde obras realizadas ao comezo da súa carreira nos anos sesenta, cando a súa obra evolucionará desde o “utilitario” cara ao “escultórico”, ata a súa última peza realizada no seu taller de Madrid en 2016, onde a obra se converteu nunha “parede cerámica” de ferro e ladrillo. Construír, innovar, atopar solucións segue estando presente no traballo de Elena Colmeiro.

Data: 
Mér (05/06/2019) a Dom (28/07/2019)
Horarios: 
luns a venres: de 18 h a 21 h sábados: de 12 h a 14 h e de 18 h a 21 h domingos e festivos: de 12 h a 14 h
Lugar: 
Casa das Artes. Planta baixa
Organizador: 
Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon folleto_expo_Elena_Colmeiro.pdf1.84 MB