"Ciencia, filosofía e racionalidade", tema das Xornadas de Filosofía 2018

A Concellería de Cultura, baixo a dirección técnica do Grupo Aletheia-Vigo, presentan a viséximo quinta edición das Xornadas de Filosofía que terán lugar, no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1), do luns 15 ao xoves 18 de outubro, ambos inclusive.

As xornadas sempre buscaron un tema de actualidade ou de enorme interese social para someter a debate. Cosmoloxía, relixión, economía, socioloxía, ética, ciencia, política, medicina… e outros moitos temas xa foron tratados en edicións anteriores. Este ano decidiuse propor o tema “Ciencia, filosofía e racionalidade", dimensións humanas que nos afectan a todos e coas que pretendemos lograr tres metas importantes na vida: unha visión o máis completa posible do mundo (ciencia), a procura da verdade en todos os nosos coñecementos (filosofía) e a felicidade (racionalidade práctica). 

Sobre esas metas van pivotar estas xornadas, tanto nos relatorios como nos debates. O programa ofrece oito conferenciantes elixidos co perfil adecuado ao tema proposto: científicos (Sánchez Ron, Ignacio Morgado, Antoni Fontdevila), filósofos (Emilio Ambrosio, Adolf Tobeña, Anna Estany) e éticos (Victoria Camps, Javier Sádaba). 

Este selecto plantel de catedráticos de Universidade van procurar convencer aos asistentes do importante que é sumarse á aventura de pensar, do pracer de coñecer e, sobre todo, de intentar ser felices nestes momentos de crise intelectual profunda. 

Ademais, a presente edición ten como aliciente ser unha merecida homenaxe a Jesús Mosterín, falecido fai un ano, e que foi un referente no espírito da historia das xornadas. Por este motivo, contaremos coa presenza da súa viúva, Úrsula Höpping, quen nos aportará datos relevantes sobre a figura do seu marido. De feito, o título das xornadas correspóndese co título dun libro de Mosterín, un dos máis significativos do filósofo por ter sintetizado nel as diversas arestas e multidimensionalidade  do seu pensamento. 

Por último, as xornadas convértense nesta edición nunha actividade extraescolar da UNED, con recoñecemento de créditos. A inscrición pode realizarse a través de correo-e no enderezo "xornadasaletheia@yahoo.es", ou o propio luns 15 no auditorio. A entrada é libre e de balde, até completar o aforo do auditorio.