A Casa Galega da Cultura acolle a exposición "Tecendo a nosa Historia" con motivo da Reconquista 2018

Este xoves 22 de marzo, ás 20:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2), a inauguración da mostra "Tecendo a nosa Historia", integrada nos actos da Reconquista da Vila de Vigo 2018, organizados pola AVC do Casco Vello, coa colaboración da Concellería de Cultura.

O obxectivo desta exposición é amosar a elaboración de tecidos tradicionais, a través dos utensilios que se usaban para facer o liño. Esta é unha fibra natural cultivada de xeito xeneralizado en Galicia no século XVIII, o seu uso para a fabricación de teas data do 7000 a.c. A resistencia á rotura da fibra do liño duplica á do algodón e está caracterizada pola sensación de frescura que produce no corpo xa que a fibra é boa condutora do calor. Trátase dun percorrido pola cultura material de Galicia a través dos seus traxes tradicionais.

A través das recompilacións feitas dende principios dos anos 70, tanto en bibliografía antiga, museos, testamentos, traballos de campo, fotografías, traxes encontrados en antigas casas de labranza e mesmo en grupos folclóricos, podemos falar hoxe en día do traxe tradicional galego.

En Galicia poderíase falar dun só traxe popular, xa que as pezas máis usuais, tanto nas mulleres coma nos homes son practicamente as mesmas. A maioría do traxe popular galego está confeccionado con tecidos obtidos a base de diferentes fiados de liño e lá: picote, candil, sanel, estameña, cúbica, mazcote, estopa, lenzo dá casa ou baeta son algúns deles. Aínda que non podemos esquecer aqueles que nos chegaron doutras culturas, tales como os veludos, os meriños, os panos de Béjar (sedan), os de Segovia, de Tarazona ou o de Terrejoncillo. Para cada peza existía un tipo de tecido e cada tecido, segundo o seu rematado e a súa elaboración estaba destinado a uso de cote, domingueiro ou cerimonial. En cada bisbarra ese mesmo tecido recibe diferentes nomes e diferentes aplicacións, segundo o estado social da portadora ou segundo a clase social desta.

Cada peza de roupa podía mellorarse en calidade, se fose para uso dos domingos ou para uso cerimonial, a mellora residía na riqueza ou calidade dos panos e tecidos ou no ornamento de aderezos e colares. A chegada da revolución industrial abaratou e encheu os mercados e feiras dun novo tecido denominado “percal” e a todo o tecido alleo ao caseiro comezouse a chamar “lenzo da feira” en lugar de “lenzo da casa” como eran coñecidos os nosos tecidos artesanais.

A exposición está comisariada por Patricia González Iglesias, formada como deseñadora de moda e patronista-escaladora.


A exposición permanecerá aberta ao público ata o 15 de abril, e contará con horarios de apertura especiais:

* Do 28 de marzo (mércores) ao 31 de marzo (sábado): de 11:00 a 14:00 h e de 18:00 a 21:00 h

* O domingo 1 de abril: de 11:00 a 14:00 h

* O sábado 7 e domingo 8 de abril: de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h