A Casa das Artes acolle dende o mércores 27 de setembro a exposición "Os mundos de Carlos Casares"

Este mércores, día 27 de setembro, ás 19:00 h, terá lugar na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a inauguración da exposición "Os mundos de Carlos Casares", organizada pola Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Concellería de Cultura.

A exposición ten como obxectivo celebrar a vida e a obra do escritor ourensán (1941-2002) na  clave dun percurso vital, unha viaxe polo tempo e polo espazo. Seguindo as palabras do propio escritor para construír un mapa emoción ao, debuxar un territorio, contar unha historia.

Máis alá da intención retrospectiva, a exposición presenta diferentes marcos contra os que poder desenvolver as relacións de Carlos Casares co mundo, nunha sucesión de territorios simbólicos: “Paisaxes”, “Luzadas”, “A viaxe”, “Conviña...” e “O redondel”, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e as súas xentes.

Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permite debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira conectar coas xeracións máis novas.

Con esta exposición, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo contribúen na difusión da figura do escritor ourensán ao que neste ano 2017 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, xunto coas dúas exposicións anteriores que se desenvolveron na Casa Galega da Cultura.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 5 de novembro.