BASES DO “VII FESTIVAL PRIMAVERA DO CINE EN VIGO 2018”

Descripción: 

A sétima edición do Festival Primavera do Cine presentou as bases para concorrer ao certame, que terá lugar entre o 9 e o 13 de maio na cidade de Vigo. A A.C. Reencanto Produccións, como entidade organizadora, en colaboración coa Concellería de Cultura, manterá a súa aposta polo audiovisual galego e lusófono, consolidando así o carácter internacional da cita fílmica. Todos/as os/as cineastas ou produtoras que queiran enviar os seus proxectos poderán facelo inscribíndose na web do festival "www.primaveradocine.com" até o 28 de febreiro.

Como ven sendo habitual, os proxectos deberán ser de produción galega ou portuguesa e poderanse entregar tanto curtametraxes coma longametraxes e videoclips. Así mesmo, e seguindo a tradición doutros anos, o Primavera do Cine traerá ata Vigo a un país invitado que, nesta ocasión, será Brasil. Deste xeito, será posible coñecer tanto a súa tradición cinematográfica coma as obras que se están a facer actualmente, pero que por diversas circunstancias non teñen grande proxección nas salas comerciais galegas.

O Primavera do Cine seguirá apostando pola visibilización do cine galego e lusófono polo que na súa sétima edición manterá as dúas seccións orixinais (galega e portuguesa), coas tres categorías xa tradicionais: curtametraxes, longametraxes e videoclips, máis un apartado especial adicado á animación, un cine que ten cada día máis adeptos e do que temos grandes referentes coma o gañador de tres Goyas, Alberto Vázquez .

O certame contará tamén cun xurado profesional composto por diversas personalidades destacadas do audiovisual e que será o encargado de escoller e seleccionar os mellores traballos de cada unha das categorías abertas a concurso, tanto na sección galega coma na lusófona. Igualmente, e coma é xa habitual no Primavera do Cine, haberá un premio especial do público, outorgado mediante votación popular.

As proxeccións das longametraxes terán lugar no Auditorio Municipal do Concello, no Instituto Camões poderán verse os filmes lusófonos e no Marco as curtametraxes galegas e portuguesas.

Data: 
Lun (22/01/2018) a Mér (28/02/2018)
Horarios: 
24 h ao día
Lugar: 
www.primaveradocine.com
Organizador: 
Reencanto Produccións, coa colaboración da Concellería de Cultura
Acceso: 
Gratuíto
AnexoTamaño
PDF icon bases_primavera_cine_2018.pdf166.29 KB