Noticias

Programación "Vigocultura" no Auditorio Municipal para periodo febreiro-maio

A Concellería de Cultura presenta a programación municipal de artes escénicas "Vigocultura" que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) dende o 12 de febreiro ao 15 de maio, ambos inclusive.

No ano 2015, máis de 5.000 persoas desfrutaron da programación ofertada dentro de "Vigocultura"; como ven sendo habitual, deuse a oportunidade de que os espectadores valorasen e fixesen comentarios sobre os espectáculos, mediante enquisas, cun alto índice de participación, asignando unha media de 9,2 puntos (sendo 0 a puntuación máis baixa e 10 a máis alta). O Premio do Público ao mellor espectáculo para público adulto recaeu en “A Tempestade” da compañía Voadora, e “Psicópata”, da compañía de Antón Coucheiro; pola súa banda, o premio ao mellor espectáculo para público familiar foi para Pablo Díaz e a Banda Tic Tac.

Para o primeiro semestre de 2016, a concellería volve a apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos de música, teatro e danza que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. A programación amplíase nesta nova tempada e conta para este primeiro semestre cun total de 24 funcións que abarcan diversos xéneros como o teatro, a música, a danza, o circo, e inclúe espectáculos para bebés.

A programación diríxese, como é habitual, a público adulto, que terá lugar os venres ás 21:00 h, e a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18:00 h.

Dentro da programación proposta cabe destacar un espectáculo para bebés, unha estrea, e dous fins de semana adicados á celebración do "Día Mundial do Libro", cunha peza dedicada a Shakespeare a cargo de Mofa&Befa e outra que narrará as aventuras culinarias do Quixote con Limiar Teatro, e ao "Día Internacional da Danza", coa premiada Paula Quintana (público adulto) e Da.Te Danza (público familiar de primeira infancia).

Moitos dos espectáculos seleccionados contan con prestixiosos premios e están circulando por todos os teatros nacionais, con grande éxito de público e crítica. En total participan 15 compañías e grupos galegos (14 delas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios) e 9 compañías de fóra de Galicia (6 pola Rede Galega de Teatros e Auditorios e 3 a través do programa Platea).

O Concello de Vigo renovou este ano a pertenza ao programa estatal de circulación de espectáculos de ámbito nacional PLATEA, que xestiona o INAEM, logo de acadar moi bos resultados tras as dúas primeiras experiencias nos anos 2014 e 2015. Vigo, ademáis, é a única cidade de España que garantiza o pagamento do 100% dos cachés das compañías contratadas a través deste programa, garantindo así que ningunha compañía ou grupo que actúe no Auditorio Municipal teña perdas.

Os prezos dos espectáculos están condicionados pola normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como polo programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos de adultos abarcan desde os 3 € aos 8 €, e para público familiar de 3 € e 5 €, o cal implica que se manteñen os límites máximos do ano anterior.

As entradas poden adquirirse anticipadamente a partir de hoxe venres a través da páxina web www.ataquilla.com, telefónicamente a través do 902.504.500, ou ben a través do despacho de billetes da Central de Espectáculos; en caso de que houbese entradas dispoñibles, poñeríanse á venda no despacho de billetes do Auditorio o propio día do espectáculo, a partir dunha hora antes do seu comezo.

Os abonos para a programación deste semestre podense combinar entre todos os espectáculos, en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 15% e 25 % respectivamente.

Gañadores/as do XX Maratón Fotográfico "Concello de Vigo"

Hai uns intres, durante o acto de inauguración da exposición na Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15), déronse a coñecer as persoas gañadoras dos premios estipulados nas bases do "XX Maratón Fotográfico" que tivo lugar os pasados 14 e 15 de novembro.

Nesta ocasión foron un total de 165 participantes que tiveron 24 h para fotografar catro temas: "Fronteira", "Ausencia", "Ilusión óptica" e "Pequenos Mundos".

O xurado, presidido polo concelleiro-delegado da Área de Cultura, Cayetano Rodríguez Escudero, estivo composto por:

- Gregorio Mallo, fotógrafo
- Lucía Romaní, docente de artes plásticas
- Alexandre Cancelo, guionista e director
- Raul Bermúdez, responsable da revista Dot
- Manuel Moure, fotógrafo

Os premios concedidos ás series fotográficas foron os seguintes:

- Primeiro premio, dotado con 1.000 €: Antonio Gutierrez Pereira

- Segundo premio, dotado con 500 €: Pedro Figueras Cabaleiro

- Terceiro premio, dotado con 300 €:  Dupuy Thibaud

- Dous áccesit consistentes nunha entrada para o Photoshop Rockstars de Vigo a: Fran Pedreira e David Pérez Fernández

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 28 de febreiro.

Presentación do programa de Primavera 2016 da Orquestra VIGO 430

A Concellería de Cultura presenta o programa "Primavera 2016" da Orquestra VIGO 430 , unha completa programación na que participarán as catro seccións da Orquestra.

A Orquestra Sinfónica Vigo 430 abrirá o ciclo no mes de xaneiro e terá outras tres citas co público nos meses de abril, maio e xuño, sendo a encargada nese último de clausurar o programa. A Orquestra Barroca Vigo 430 ofrecerá un único concerto no mes de febreiro. Tamén en febreiro será a quenda da xente nova co concerto da Orquestra Xove Vigo 430. Os oito concertos complétanse con dúas citas para a música de cámara a cargo do Ensemble Vigo 430 nos meses de marzo e abril.

Os amantes da música clásica poderán asistir a concertos con solistas de renome nacional e internacional como é o caso da violinista Rusanda Panfili no concerto inaugural, ou a violista Dana Zemtsov no concerto de clausura. A lírica volve á programación da Vigo 430 da man dunha das máis prestixiosas sopranos do país e das maiores especialistas en música barroca, Raquel Andueza. Os solistas galegos estarán representados polas mans de Severino Ortiz ao piano e polo fagot de María José Rielo. Como convidado especial para participar no Ensemble contaremos coa presenza do violista David Fons.

En canto á dirección musical, o programa "Primavera 2016" suporá a presentación definitiva de Vicent Alberola como director principal da Orquestra Sinfónica. A sinfónica estará tamén dirixida polo prestixioso Darrell Ang no concerto de clausura. A Barroca tocará baixo a súa batuta titular, Alfonso Sebastián. Como novidade este ano, a intervención da Orquestra Xove será dirixida por unha nova promesa da dirección, Irene Gómez-Calado, que compartirá batuta co director e compositor Julio Domínguez.

Unha das máximas da Vigo 430 é ofrecer ao público en cada ciclo unha completa relación de estilos e autores que faga as delicias de todos os melómanos, polo que as diferentes seccións da orquestra ofrecerán obras de Vivaldi, Tchaikovsky, Smetana, Mozart, Bethoveen, Schumann, Strauss, Ravel, Borodín, Glazunov e incluso a estrea absoluta dunha nova composición do vigués Juan Eiras.

A diferenza de ciclos musicais anteriores, a Orquestra centrará toda esta nova programación nun único espazo, o vestíbulo principal do Auditorio "Mar de Vigo", un espazo cunha acústica moi especial e que xa foi escenario de actuacións da Orquestra Barroca no 2015 con moi bos resultados.

Este ano retómase o programa de abonos a través do cal todas aquelas persoas que vaian asistir a varios concertos poidan facelo nunha única compra, cunha entrada única, a un prezo inmellorable e con asento reservado en zona preferente. A venda de localidades e abonos realizarase a través de ticketea (www.ticketea.com)

En total oito concertos en cinco meses, dezanove autores, trinta e tres obras, unha estrea absoluta, cinco solistas e cinco directores conformarán un Programa de Primavera 2016 á altura dos oídos máis esixentes.

Inauguración da exposición do "XX Maratón Fotográfico" na Casa das Artes

O xoves día 21 de xaneiro, ás 20:00 h, inaugúrase no primeiro andar da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a  exposición "XX Maratón Fotográfico Concello de Vigo", organizada pola Concellería de Cultura e maila Agrupación Fotográfica Galega. O maratón tivo lugar o 14 e 15 de novembro pasados, cun total de 165 participantes que tiveron 24 h para fotografar catro temas: "Fronteira", "Ausencia", "Ilusión óptica" e "Pequenos Mundos".

Como é costume, durante o acto de inauguración, o xurado dará a coñecer as persoas gañadoras dos premios estipulados nas bases e que se conceden á serie fotográfica:

Primeiro premio: 1.000 €

Segundo premio: 500 €

Terceiro premio: 300 €

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 28 de febreiro.

Inauguración exposición "Así nos ven. Así somos?. A imaxen da muller na arte" na Pinacoteca FFR

Este luns día 21 de decembro, ás 20:00 h, inaugúrase na Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" (r/ Abeleira Menéndez, 8) a exposición "Así nos ven. Así somos?. A imaxen da muller na arte", unha produción da Concellería de Cultura, comisariada por Susana Cendán.

Un dos principais obxectivos deste proxecto é a posta en valor dos fondos da colección de arte galega do Museo Municipal "Quiñones de León" de Castrelos —en particular— e do Concello de Vigo —en xeral—, recuperando para a actualidade a artistas extraordinarias das que había tempo non oíamos falar, é o caso de Elsa Pérez Vicente, Ana Legido, María Victoria de la Fuente, Legísima ou María Antonia Dans entre outras.

Co propósito de afastarse das típicas colectivas de artistas mulleres nas que se mostra de maneira indiscriminada un conxunto heterodoxo de obras, optouse por complementar o proxecto con fondos foráneos procedentes de coleccións públicas —Colección Fotográfica do Concello de Vigo e Fundación Museo Liste—, privadas —Colección Afundación, Galería Trinta, Galería Marisa Marimón e Galería Guillermo de Osma—, de particulares e dos propios artistas.

Partindo da construción da imaxe da muller no ámbito artístico, articulouse un proxecto poliédrico que nos permita reflexionar sobre determinadas circunstancias: a existencia dunha maneira feminina de ver o mundo, os arquetipos femininos tradicionais, a construción dunha mirada masculina poñendo en cuestión a dualidade masculino/feminino, a muller estereotipada ao subverter as prácticas tradicionais femininas asociadas ao decorativo e o doméstico.

O proxecto enténdese como unha exposición de diferentes obras e artistas que dialogan entre si buscando a complicidade dun público para que perciba a arte, non como obxectos illados, senón como producións capaces de inserirse en discursos heterodoxos sobre a cultura.

Artistas participantes: Xurxo Lobato, Manuel Vilariño, Isaac Díaz Pardo, Nuria Bermúdez, Elsa Pérez Vicente, Maruja Mallo, Tamara Feijoo, Arturo Souto, Colmeiro, Coia, Marta Lorenzo, Arturo Baltar, José María Acuña, Xosé Eiroa, Antón Failde, Xoan Piñeiro, Buciños, Cristino Mallo, Antoine D’Agata, Agustín Pérez Bellas, Lodeiro, Mercedes Ruibal, Pesqueira, Aziz+Cucher, Pereira Borrajo, Julian Germain, Mari Quintero, Raquel Xallas, Rebeca López Villar, Roberto G. del Blanco, Torres, María Antonia Dans, Sue Parker, Carlos Maside, Ramón Caamaño, Ana Legido, Almudena Fernández, Idoia Cuesta, Sandra Nogueira, Julienne Ciseaux, Laxeiro, Suárez Llanos, María Victoria de la Fuente, Amanda Harman, Carl Froshl, Natalia Umpiérrez, L. Valcárcel, Rafael Alonso, Mar Ramón Soriano, Elena Colmeiro, Tino Grandío, Ignacio Pérez Jofre, Chelo Matesanz e Dana Díaz.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 26 de xuño de 2016.

Encontros co artista Mingos Teixeira na exposición "Alicia no país das marabillas"

O artista Mingos Teixeira oferta unha serie de encontros coas persoas presentes en sala para a exposición “Alicia no país das marabillas”, que ten lugar na planta baixa da Casa das Artes ata o 10 de xaneiro de 2016, según o seguinte:

- Mércores: 16, 23 e 30 de decembro, de 19:00 a 20:30 h

- Domingos: 13 e 27 de decembro, 3 e 10 de xaneiro, de 12:30  a 14:00 h.

Nesta exposición, o espectador gozará dunha síntese creativa multidisciplinar onde a pintura se mestura coa música, o teatro, o mundo audiovisual e a literatura nunha experiencia cultural que non lle deixará indiferente. É unha exposición onde Alicia será o alter ego de Mingos Teixeira e as súas aventuras representarán as analoxías das diferentes etapas evolutivas como artista ao longo das últimas catro décadas.

Esta mostra pretende ser unha visión evolutiva de corenta anos de creación dun artista cun evidente traballo de reflexión, investigación e método ao servizo do espírito; a través dos diferentes ciclos pictóricos, poderemos observar ese traballo de investigación ao que somete a súa propia obra, en continuo diálogo consigo mesmo, avanzar e retroceder, continua metamorfose sempre ao redor do seu propio método e técnica, pintura aparentemente evocativa e intuitiva que se transforma en mental e analítica, un artista que emprega as súas ferramentas coa mesma exactitude con que o poeta utiliza as palabras.

Entradas esgotadas para os espectáculos de Mamá Cabra e "Nadal Máxico 2015"

Infórmase que as entradas para os espectáculos de Mamá Cabra "15 primaveras" e de "Nadal Máxico 2015", previstos os domingos 13 e 20 de decembro, respectivamente, no Auditorio Municipal do Concello, están esgotadas.

Concerto do grupo Ladibain no Teatro Afundación Vigo

A Concellería de Cultura programa o domingo día 13 de decembro un concerto do grupo LADIBAIN, que terá lugar ás 20:00 h no Teatro Afundación Vigo (r/ Policarpo Sanz, 13). Baixo o título "La vie en rose, unha viaxe musical con Ladibain", ofrécese un espectáculo  no que a interpretación está acompañada de diálogos e escenificación dos intervenientes, que serve de fío condutor entre as diferentes interpretacións.

Ladibain é un proxecto musical que nace en Vigo no ano 2014, liderado pola mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo, co que se mergulla en novos terreos de fusión do jazz e soul, sen chegar a perder con isto a característica impronta lírica que imprime a intérprete nas súas actuacións. Forman parte deste proxecto tamén Karolis Biveinis como pianista, Ángel Martínez no baixo eléctrico e bouzouki, e o batería Noli Torres.

Neste concerto contarán como artistas invitados con Andrea García, acordeón, Óscar Dorado, trombón, e as voces do Coro Gli Appassionati de Vigo.

Inauguración exposición de Mingos Teixeira na Casa das Artes

O venres 4 de decembro, ás 20:00 h, inaugúrase na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "Alicia no país das Marabillas". Mingos Teixeira: Metamorfose", promovida pola Concellería de Cultura.

Nesta exposición, o espectador gozará dunha síntese creativa multidisciplinar onde a pintura se mestura coa música, o teatro, o mundo audiovisual e a literatura nunha experiencia cultural que non lle deixará indiferente. É unha exposición onde Alicia será o alter ego de Mingos Teixeira e as súas aventuras representarán as analoxías das diferentes etapas evolutivas como artista ao longo das últimas catro décadas.

Esta mostra pretende ser unha visión evolutiva de corenta anos de creación dun artista cun evidente traballo de reflexión, investigación e método ao servizo do espírito; a través dos diferentes ciclos pictóricos, poderemos observar ese traballo de investigación ao que somete a súa propia obra, en continuo diálogo consigo mesmo, avanzar e retroceder, continua metamorfose sempre ao redor do seu propio método e técnica, pintura aparentemente evocativa e intuitiva que se transforma en mental e analítica, un artista que emprega as súas ferramentas coa mesma exactitude con que o poeta utiliza as palabras.

Mingos Teixeira proponnos diferentes estímulos á percepción e á sensibilidade a modo de diálogos entre artista e espectador do mesmo xeito que Alicia dialogaba cos diferentes personaxes da súa historia.

A Concellería de Cultura oferta obradoiros, realizados polo propio artista, os sábados 5, 12 e 26 de decembro, 2 e 9 de xaneiro, ás 18:30 h, cunha duración aproximada de 90 minutos. Os seus destinatarios serán grupos familiares, nenos e nenas a partir dos seis anos acompañados necesariamente por algunha persoa adulta.

A inscrición nos obradoiros precisa reserva previa, que poderán realizar a partir do venres 27 de outubro, ben telefonicamente (a través do 986.240.130 ou 619 94 89 20; de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h), electronicamente no enderezo "info.aprmvigo@gmail.com", ou presencialmente (no lugar da exposición, no horario de apertura da Casa das Artes: de luns a sábado, de 18:00 a 21:00 h; e sábados, domingos e festivos de 12:00 a 14:00 h).

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 10 de xaneiro de 2016.

A Biblioteca Pública Juan Compañel amplía os seus horarios do 1 ao 17 de decembro

Co obxecto de facilitar o estudo polo periodo de exames e o uso das instalacións públicas, a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6), en colaboración coa Concellería de Cultura, amplía o horario de apertura da súa Sala de Lectura do 1 ao 17 de decembro, ambos inclusive, de forma que o seu horario de funcionamento no periodo indicado será o seguinte:

Luns a venres: de 9:00 h a 24:00 h
Sábados: de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 24:00 h
Domingos e festivos: 10:00 h a 14:00 h

Páxinas

Subscribe to Noticias