Noticias

Peche provisional da Biblioteca Juan Compañel o venres 20 de novembro

Infórmase que a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6) permanecerá pechada o venres 20 de novembro, debido aos labores de traballos técnicos de posta en funcionamento dun novo programa de xestión bibliotecaria. A sala de lectura e de prensa permanecerán abertas ao público.

Concerto de Stephen Kovacevich e Pablo Galdo

A Asociación Música Clásica de Galicia, recén constituída neste ano 2015, fai o seu acto de presentación cun concerto no Teatro Afundación Vigo (r/ Policarpo Sanz, 13), o martes 17 de novembro ás 20:30 h, a cargo de Stephen Kovacevich e Pablo Galdo. A iniciativa conta coa colaboración da Concellería de Cultura.

Stephen Kovacevich é un pianista e director de orquestra de fama mundial, considerado un dos músicos máis respetados da súa xeración. Como director de orquestra, ten estado ao fronte da London Mozart Players, a Royal Liverpool Philharmonic e a Vancouver Symphony Orchestra. Como pianista tense gañado a admiración polas súas inolvidables interpretacións de Beethoven, Brahms, Mozart e Schubert. Artista nominado ao Grammy, Kovacevich ten unha larga lista de gravacións para Philips e EMI. En 1967 fixo o seu debut en Nueva York e, dende entón, ten realizado xiras por Europa, EE.UU., Lejano Oriente, Nova Zelandia e América do Sur. Ten colaborado con artistas da talla de Martha Argerich, Renaud Capucon ou Jacqueline Du Pre.

Pablo Galdo é un dos pianistas españois máis destacados da súa xeración. Formado en España, Hungría, Austria e Rusia, ten ofrecido concertos en máis de 35 países e actuado xunto a músicos de renome mundial como Zoltan Kocsis, Lilya Zilberstein, Imre Rohmann ou Asier Polo, entre outros. Ten gravado 2 cds e actualmente compaxina a súa actividade concertistica co seu posto de profesor de piano na "Universidad Alfonso X el Sabio" de Madrid e no “Conservatorio Superior de Música de Vigo”. Ten ofrecido master-class en diferentes universidades do mundo, destacando a Universidade F. Chopin de Varsovia ou a prestixiosa Fundación Bareboim Said en Palestina ou a Escuela Buchmann Mehta da Universidad de Tel Aviv.

PROGRAMA:
Berg: Sonata para piano.
Debussy: En Blanc et noir. Obra para 2 pianos (xunto ao pianista Pablo Galdo)
Schubert: Sonata D960.

Inauguración da exposición de Fernando García no MARCO

O venres, 13 de novembro, ás 20:00 h terá lugar no MARCO (r/ Príncipe, 54) a inauguración da exposición de FERNANDO GARCÍA, titulada Canaval, que supón a cuarta proposta do ciclo Intertextual, comisariado por Ángel Calvo Ulloa para o Anexo, a sala de proxectos no vestíbulo principal.

Dende xaneiro 2015, o lugar ata agora dedicado a tenda-librería no vestíbulo principal do MARCO convertiuse en sala de proxectos, retomando o espírito do Espazo Anexo na praza peonil posterior (2004-2011). Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, esta nova liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións por proposta dun mesmo comisario, con periodicidade anual.

Intertextual parte dunha selección de artistas pertencentes a unha mesma xeración, voceiros da realidade artística nacional e internacional dos últimos anos, que atopan nesa conexión de influencias un campo de traballo ideal. O ciclo inaugurouse o 16 de xaneiro con 249 litros, de Carlos Maciá, e continuou con Cismadores, de Mauro Cerqueira. Á intervención de Juan López seguirán as de Fernando García e June Crespo.

Canaval, de Fernando García (Madrid, 1975), comezou a materializarse durante unha estanza en Canadá, onde o artista foi acumulando moedas dun dólar sen unha intención concreta, e que unha vez aquí funcionan como elemento foráneo, testemuña da viaxe e do propio proceso de recolección. Estas moedas insírense nas fendas practicadas en canas de bambú, descubertas durante unha viaxe a El Puerto de Santa María, que agora cobran protagonismo nesta instalación. Ao mesmo tempo, establece unha relación entre o interior e o exterior do Anexo por medio dunha serie de fotografías tomadas en Galicia en 2014, que se insiren en molduras realizadas en granito.

O mesmo venres, ás 19:30 h, terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público, entre o artista Fernando García e o comisario, Ángel Calvo.

 

A exposición estará aberta ao público ata o 24 de xaneiro de 2016.

Presentación do programa das "XXIII Xornadas de Filosofía"

A Concellería de Cultura e mailo grupo Aletheia-Vigo organizan as XXIII Xornadas de Filosofía, que terán lugar no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) os días 17, 18 e 19 de novembro, de 17:00 h a 21:00 h (e de 10:30 a 13:30 h o mércores 18), baixo o título "Filosofía e Neurociencia".

A filosofía, que dende as súas orixes tivo o papel de dar explicación a todo o que o ser humano podía coñecer sobre o mundo, sobre si mesmo e sobre as divinidades, foi deixando co paso do tempo moitas parcelas do coñecemento delegando na teoloxía, na arte e na ciencia. Actualmente, a filosofía precisa mesmo da ciencia para convencer das súas teorías e para abrir canles de colaboración con ela. Desa maneira, deixa de ser un saber encorsetado para estar ao día nas súas teorías e facelas máis comprensibles, e por isto, precisa -e axuda- á física, á bioloxía, á cosmoloxía… e procura estar ao tanto dos seus descubrimentos.

Os últimos avances da ciencia camiñan polos vieiros da Neuroloxía, xurdindo deste modo a neurociencia. Ao decatarse destas investigacións, a filosofía pronto se uniu aos seus estudos e avances, aparecendo así a Neurofilosofía, que é un proxecto que tende á unificación do esforzo filosófico e científico co obxecto de mellorar a comprensión da natureza humana. A filosofía decatouse de que se pode achar máis rápido unha solución aos problemas humanos optando por estratexias cooperativas de investigación, deixando de lado o enfrontamento entre culturas cientificistas que desprezan o saber filosófico e culturas presuntamente humanistas que desprezan o saber científico.

As Neurociencias son un conxunto de disciplinas científicas que estudan a estrutura, a función, o desenvolvemento da bioquímica, a farmacoloxía, e a patoloxía do sistema nervioso e de como os seus diferentes elementos interactúan, dando lugar ás bases biolóxicas da conduta. A Neurociencia, como disciplina integral, tenta comprender e penetrar o problema da relación entre a mente, a conduta e a actividade propia do tecido nervioso. A partir do estudo a distintos niveis: molecular, neuronal, redes neuronais, condutual e cognitivo, a neurociencia trata de desentrañar a maneira de como a actividade do cerebro se relaciona coa psique e cos comportamentos. A Neurociencia está a revolucionar a maneira de entender as nosas condutas e o que é máis importante aínda: como aprende, como garda información o noso cerebro, e cales son os procesos biolóxicos que facilitan a aprendizaxe.

Os científicos da área de Neurociencias ocúpanse tamén do estudo de dúas enfermidades incapacitantes e de gran prevalencia na sociedade actual: a enfermidade de Alzheimer e a enfermidade de Parkinson. A aproximación a estas enfermidades é multidisciplinar. Analízanse as bases xenéticas, moleculares ou celulares determinantes da morte neuronal. Igualmente estúdanse os mecanismos fisiopatolóxicos da perda de memoria na enfermidade de Alzheimer ou dos trastornos motores e non motores da enfermidade de Parkinson. Búscanse marcadores bioquímicos, neurofisiolóxicos ou de neuroimaxe para o diagnostico precoz destas enfermidades, que axudará a unha terapia máis eficaz.

A entrada será de balde ata completar a capacidade do auditorio; as persoas interesadas poderán inscribirse previamente no correo-e "xornadasaletheia@yahoo.es". O profesorado que asista ao 75% das actividades destas xornadas terá dereito a 15 horas de formación recoñecidas pola Consellería de Educación; igualmente, todas as persoas do público en xeral, que asistan nesa mesma porcentaxe, poderán solicitar un diploma de asistencia.



MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O FUNCIONAMENTO DO DESPACHO DE BILLETES E DOS ACCESOS AOS ESPECTÁCULOS ORGANIZADOS POLA CONCELLERÍA DE CULTURA E FESTAS NO AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO NO ARQUIVO QUE SE ACHEGA.

Inauguración exposición "Galicia Imaxinada nas revistas da emigración" na Casa Galega da Cultura

O martes 10 de novembro, ás 12:00 h,  inaugúrase na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a exposición "Galicia Imaxinada nas revistas da emigración", organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Concellería de Cultura; a mostra está comisariada por Chus Martínez Domínguez.

A exposición tenta un achegamento a este popular órgano de comunicación que crearon as distintas asociacións da emigración galega, principalmente en América, analizando o seu contexto histórico, as súas tipoloxías, os seus deseños ou os seus contidos e orientacións, etc; dende as primeiras publicacións no século XIX ata os anos posteriores á guerra civil de 1936 que dou lugar á aparición das manifestacións editoriais do exilio.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 6 de decembro.

Peche provisional da Biblioteca Juan Compañel o sábado 31 de outubro

Infórmase que a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6) permanecerá pechada, por motivos de seguridade, o sábado 31 de outubro, debido aos labores de desratización, desinfección e desinsectación, levados a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O martes día 3 de novembro, a partir das 12:00 h, a biblioteca xa funcionará con normalidade.

Inauguración exposición de Juan delGado na Fundación Laxeiro

O venres día 30 de outubro, ás 20:00 h, a Fundación Laxeiro (r/ Policarpo Sanz, 15) inaugura a exposición titulada The flickering darkness, un proxecto do artista español afincado en Londres, Juan delGado (Cartagena, Murcia, 1965) que por primeira vez se exhibe en España.

The flickering darkness é unha peza audiovisual realizada en 2009, durante unha residencia de tres meses na cidade de Bogotá. Producida orixinalmente por a Universidade dos Andes, como parte do programa de residencias artísticas entre Colombia e Reino Unido, o proxecto foi apoiado por o British Council, o Ministerio de Cultura e o Consello das Artes UK.

Todo o traballo de Juan delGado baséase na idea de facer visibles realidades, xeralmente de carácter social, que se atopan en estado latente. Utilizando a plasticidade visual como reclamo, o artista vai construíndo unha obra visualmente atractiva e impecable dende un punto de vista formal que, unha vez que nos atrapa, fálanos de aspectos concretos que a delGado lle interesa resaltar, aspectos normalmente silenciados polo discurso oficial que o autor, á maneira dun arqueólogo, fai aflorar. The flickering darkness constitúe un exemplo paradigmático desa forma de traballar.

Na obra, Juan delGado explora a viaxe percorrida polos alimentos dende a súa chegada ao mercado, ata o seu consumo final. O filme, proxectado en tres canles, mostra a cidade nas súas cores típicas, nas súas texturas, silencios e sons, para capturar o sentido do caos e a contradición, e convidar ao espectador a reflexionar acerca dos estratos sociais e a xestión dos recursos alimentarios.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de xaneiro de 2016.

Presentación Festival "vertixeVIGO15"

A Concellería de Cultura e maila Asociación Cultural VERTIXE SONORA presentan a terceira edición do festival vertixeVIGO15, un festival internacional de creación musical contemporánea que se extenderá durante todo o mes de novembro.

Este festival sérvelles de plataforma de presentación aos novos creadores internacionais e permite establecer vínculos culturais que reforcen a nosa identidade nun marco globalizado, dando mostra en tempo real da rica diversidade que está a renovar o discurso das artes sonoras na nosa época, e na que VERTIXE VIGO quere desempeñar un activo protagonismo.  Vangarda e contemporaneidade son conceptos estreitamente vinculados ao festival e tamén á cidade de Vigo, sempre prolífica e punteira na creación cultural emerxente.

VertixeVIGO é un festival urbano que, ademais, espállase polos espazos emblemáticos da cidade en música e creación artística. Conservatorio, MARCO, Verbum, Fundación Laxeiro e Universidade forman parte desa rede do festival.

10 estreas mundiais, 7 concertos, 2 obradoiros, 9 conferencias e 15 países representados. VertixeVIGO chega á súa terceira edición para consolidarse como un dos espazos europeos de difusión da música contemporánea máis innovadores e a principal plataforma española para coñecer a creación musical experimental emerxente no ámbito internacional.

Poderemos escoitar estreas mundiais de compositores provintes de diferentes partes do planeta que escolleron esta plataforma para a súa presentación en España. Juan Pablo Carreño (Colombia), Pablo Galaz (Chile), Arash Yazdani (Irán), Natalia Prokopenko (Rusia), Edgar Barroso (México), Elena Rykova (Rusia), Miguel Ángel Tolosa (España), Ingar Zach (Noruega), Andrés Nuño De Buen (México) e Murat Çolak (Turquía). Tamén estarán por primeira vez en Galicia Espai Sonor de Sueca (Valencia), Nou Ensemble de Palma de Maiorca ou V. Salvi xunto a Miguel Carvhallais do Porto (Portugal).

Nesta nova singradura incorpóranse os singulares proxectos educativos ALIEN e MÚSICAPORDENTRO coa vontade de afianzar a presenza internacional das institucións galegas procurando modelos interinstitucionais que promovan a innovación e aglutinen propostas illadas para a súa mellor visibilización.

Organizada por Vertixe Sonora, un dos colectivos máis destacados na aposta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes, quere converter á cidade nunha sala de concertos, explorando novas relacións entre os espazos e o público, establecendo sinerxías que permitan ofrecer contidos culturais de calidade cun aproveitamento máximo dos recursos e infraestruturas da cidade.

Fin de semana de teatro no Auditorio Municipal do Concello

Esta fin de semana, o Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) acollerá dous espectáculos teatrais dirixidas a público adulto:

O venres día 16, ás 21:00 h, dentro do ciclo Vigocultura, Producciones Viridiana presentará a súa obra "Ligeros de equipaje. Crónica de la retirada", con Pedro Rebollo e Javier García. "Ligeros de equipaje" son os cachos rotos da memoria de alguén que lembra sen querer recordar, que conta sen querer contar, que relata a súa vida sen saber se mente porque todo é absurdo dabondo fálanos do home común, a faciana que nos mira desde a foto en branco e negro e do que non sabemos o nome. Grupo de refuxiados -di a foto- e non sabemos máis, unhas caras tristes que nos miran desde o pasado. "Ligeros de equipaje" pretende, cunha historia de ficción creada con multitude de crónicas e testemuñas, recuperar a verdadeira historia de centos de miles de persoas. Unha historia case esquecida, perdida no tempo.

O prezo da entrada é de 8 € e pódense adquirir anticipadamente a través do servizo de Ataquilla (www.ataquilla.com, tlf 902.504.500 ou no despacho de billetes da Central de Espectáculos), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do seu comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles). Existe tamén a posibilidade de abonos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos do citado cilo, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

O sábado 17, ás 21:00 h, e o domingo 18, ás 19:00 h, a compañía A PANADARÍA estrea a obra "Panamericana", coa colaboración da Concellería de Cultura. "Panamericana" é a historia dunha muller que foxe do seu país na procura dunha vida mellor no final da dourada e vella Europa, en Galicia. Este soño vaise esparexer cando se ve obrigada a entrar no labiríntico, absurdo e inhumano aparello burocrático habitado por persoas-formigas. Asolagada polos medos e angurias, recóllese nas súas lembranzas de tempos mellores, o pasado idealizado, máxico e fantástico. Unha historia na que o realismo máxico e a maxia real, unha mestura na que xa non sabemos se este mundo é como é ou como nós o percibimos. "Panamericana" é unha parábola dunha Galicia tropical que nos fala dun sistema perverso e dos soños rotos dende unha óptica optimista. Unha festa de música, cor e teatro.

O prezo da entrada é de 7 € e pódense adquirir tamén anticipadamente a través do servizo de Ataquilla ou o mesmo día do espectáculo, a partir dunha hora antes do seu comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Comeza a programación municipal de artes escénicas "Vigocultura"

Este venres, 2 de outubro, da comezo a programación municipal de artes escénicas, Vigocultura, que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) durante os meses de outubro, novembro e decembro.

A artista Guadi Galego será a encargada de inaugurar o ciclo, ás 21:00 h, co seu traballo "Lúas de Outubro a Agosto", que supón a súa confirmación como unha artista non englobada nun xénero determinado senón con selo propio. As súas composicións marcan un son pop, pero cheo da esencia do aprendido do percorrido pola maxia da vida.

Nesta nova temporada, a Concellería volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos de música, teatro e danza que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. A programación conta para este derradeiro trimestre do ano cun total de 19 funcións, que abarcan diversos xéneros como a música pop, a música de autor, teatro dramático, contemporáneo, musicais, comedia, danza contemporánea e hip hop, dentro do ciclo dirixido ao público adulto, e a música, teatro, musicais, clown, circo, monicreques, danza e maxia, dentro do ciclo dirixido a público familiar.

O prezo de entrada dos espectáculos para público adulto, como neste caso, é de 6 € para os de danza e música e 8 € para os espectáculos teatrais, e as dos espectáculos dirixidos a público familiar terán un prezo de 5 € . As entradas podense adquirir anticipadamente a través do servizo de Ataquilla (www.ataquilla.com, tlf 902.504.500 ou no despacho de billetes da Central de Espectáculos), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do seu comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Existe tamén a posibilidade de abonos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

Páxinas

Subscribe to Noticias