Noticias

"Xornada da Arte da Acción e Muller" na Casa das Artes

Dentro da exposición "Magical Girls. Novas narrativas da muller vernácula", proxecto expositivo multidisciplinar promovido pola Concellería de Cultura, proponse unha sesión que insira un tipo de traballo artístico, a performance, que quedou fóra da exhibición conceptual. A Xornada da Arte da Acción e Muller nace co propósito de dar cabida a traballos performáticos creados por mulleres novas da área de Vigo que funcione como un estado da cuestión, como termómetro que mida a temperatura desta disciplina artística neste momento histórico.

A xornada desenvolverase o venres 16 de setembro, ás 18:00 h, na Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) cunha mesa redonda onde se debaterá de modo aberto e libre sobre a pertinencia e necesidade da performance feminina, tópicos, lugares comúns, connotacións políticas, discurso pro-anti-feminista, etc. Contará coa presenza de Gena Baamonde, especialista en teatro e feminismos; María Roja, artista visual; Iria Vázquez e Eva Monroy, artistas e docentes; e Amaya González Reyes, artista visual. Moderará María Marco Covelo, crítica de arte e comisaria da exposición.

A continuación terán lugar unha serie de performances.

Lloyd Cole abre o "Sinsal Outono" o xoves 29 de setembro

O Festival Sinsal Outono 14 abre a súa programación o vindeiro 29 de setembro, ás 21:00 h, no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1), co concerto dun clásico contemporáneo británico como é Lloyd Cole. “Lloyd Cole Playing The Classic Lloyd Cole Songbook 1983–1996" trae a Vigo os temas máis coñecidos do músico, que se presenta en solitario para arrancar o ciclo de outono promovido por Sinsalaudio coa colaboración da Concellería de Cultura.

Primeiro foi á fronte do quinteto The Commotions, no lustro que ía de 1982 a 1987 e ao longo de tres discos, e posteriormente en solitario. Dúas etapas que fixeron de Lloyd Cole un dos nomes máis representativos do pop británico atemporal, clásico, do que supera o test do tempo e mantén un estatus contemporáneo. Axiña chamaron a atención as letras deste estudante de filosofía: o seu debut “Rattlesnakes” (1984) viña con incrustacións literarias (Simone de Beauvoir, Norman Mailer, Truman Capote) e unha forte carga de irónica elegancia.

Pero non só de letras de calidade “top” vive Lloyd: sen ir máis lonxe, esa obra significouse tamén como unha das que definiu o jangle pop da súa década. A súa etapa en solitario foi máis ecléctica, iniciándose en 1990 cun álbum homónimo de son máis duro e directo, menos estilizado (e con Robert Quine e Matthew Sweet de colaboradores), que o levou ao # 1 no Reino Unido.

Foi o disparo de saída dunha traxectoria que foi redefiníndose ao longo de máis dunha ducia de títulos (entre eles, dous directos e unha recopilación de rarezas) e que o fixo abalar entre Burt Bacharach, a psiquedelia, o cantautor folk e a electrónica, sempre coa súa pegada, meticulosa e con gusto. Isto último, a electrónica, foi o verniz dun dos discos que publicou en 2013, o instrumental "Selected Studies, Vol. 1", asinado a medias co veterano Hans Joachim Roedelius, lenda viva da música experimental alemá. O outro que editou ese ano, “Standards”, xa só ao seu nome, contou con colaboracións de dous músicos que o acompañaron en “Lloyd Cole” (1990), Fred Maher e Matthew Sweet. Un disco no que desactivou o seu modo repousado e apostou pola electricidade.

En setembro de 2015 volveu repetir coa súa vocación electrónica e de experimentar con sintetizadores e publicou "1D Electronics 2012-2014". En 2016 é o momento de escoitar os seus hits entre 1983 e 1996, proxecto que o leva de xira en solitario para interpretar as súas cancións máis coñecidas.

 

As entradas están a venda no servizo de Ataquilla (www.ataquilla.com, 902.504.500) a un prezo de 12 € anticipada; na billeteira do recinto, o día do concerto, o prezo será de 15 €.

 

 

 

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O FUNCIONAMENTO DO DESPACHO DE BILLETES E DOS ACCESOS AOS ESPECTÁCULOS ORGANIZADOS POLA CONCELLERÍA DE CULTURA NO AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO NO ARQUIVO QUE SE ACHEGA.

 

 

Apertura exposición "MAGICAL GIRLS"

Este venres 12 de agosto ás 20:00 h inaugúrase, dentro da programación  A NOITE BRANCA 2016, na Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) Magical Girls, un proxecto expositivo multidisciplinar da Concellería de Cultura que se debuxa como retrato xeracional da produción artística feminina nova da área de Vigo e do seu contorno.

A mostra, comisariada por María Marco Covelo, componse de 22 artistas e atoparemos cinema, vídeo, fotografía, pintura, escultura e instalación.

O título Magical Girls xorde como referencia ás series de anime xaponesas de mozas que se transforman en guerreiras máxicas na súa loita contra o mal. Tamén alude ás problemáticas destas novas creadoras que deben enfrontarse á gran dificultade de ser artista hoxe, sendo unha carreira con alto grao de precariedade, intermitencia e predominancia masculina.

O relato que propón Magical Girls afástase da mera representación da femineidad para achegarnos aos temas que preocupan a unha nova xeración de artistas. Tanto desde unha perspectiva formal como semántica esta exposición non trata sobre a produción de artistas marxinais, senón máis ben de como estas artistas desenvolven un sólido proxecto investigador que parte da realidade para subvertela mediante un poder transformador que non deixa de ser, dalgunha maneira, máxico.

A exposición vertébrase en tres áreas: A construción colectiva da identidade feminina (situada no atrio central) na que poden atopar a crítica á sociedade ideal de Mar Cuervo, a escultura deseante de Andrea Jambrina, a reflexión urbanita de Verónica Vicente, a memoria entrópica de Inés Casarejos, a nova hermeneútica de Andrea Vázquez e a mirada antropolóxica de Deebo Barreiro, Explorando os límites (espazo perimetral esquerdo) coa topografía téxtil de Sara Coleman, a proxección da longametraxe colaborativa "Cinema e Muller" e a pintura que se cuestiona a si mesma de Dennise Vaccarello e María Viñas e Especies de espazos (no corredor perimetral frontal) cos lugares utópicos de Sheila Pazos e os distópicos de Yolanda Ríos. As vinte e dúas artistas que participan nesta exposición con aproximadamente trinta pezas compoñen unha certeira cartografía das narrativas femininas desafiantes aos relatos hexemónicos.

A mostra contará cunha mostra de arte de acción que se celebra o 16 de setembro coa actuación en vivo de 7 artistas femininas baixo o título de "Xornada de Arte de Acción e Muller"; esta iniciativa nace co propósito de dar cabida a traballos performáticos creados por mulleres novas da área de Vigo que funcione como un estado da cuestión, como termómetro que mida a temperatura desta disciplina artística neste momento histórico.

 

Máis información na páxina web "http://cargocollective.com/magicalgirls"

Programación "A NOITE BRANCA 2016"

A Concellería de Cultura promove o programa cultural "A NOITE BRANCA", que se desenvolverá o venres 12 de agosto. Esta iniciativa, iniciada hai tres anos, pretende salientar o patrimonio e actividades dos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo (Pazo-Museo "Quiñones de León", Verbum-Casa das Palabras, Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", Casa Galega da Cultura, Casa das Artes, MARCO-Museo de arte contemporánea de Vigo e Museo Liste-Etnográfico de Vigo), nun horario amplo, procurando maiores atractivos para a cidadanía viguesa e para as persoas que visitan a cidade nestas datas. 

Ao igual que no ano anterior, súmanse a esta iniciativa os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano (Toralla), dependentes da concellería de Patrimonio Histórico, a “Sede Afundación Vigo” e o Museo do Mar de Galicia.

A oferta, aberta a todo tipo de público, realízase seguindo criterios de gratuidade, participación da cidadanía, sustentabilidade e novidade.

O programa supón a ampliación do horario normal de funcionamento dos centros citados ata as 02:00 h (madrugada do sábado), ademais, inclúe unha serie de actividades paralelas como visitas guiadas (algunhas precisan inscrición previa), concertos musicais tanto nas rúas próximas como nos propios centros, exposicións...

Inauguración da exposición "Transbordo espacial. Partituras gráficas" na Casa das Artes

Este xoves 7 de xullo, ás 20:00 h, inaugúrase na planta primeira da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "Transbordo espacial. Partituras gráficas" do Pelayo Fernández Arrizabalaga, dentro da programación do Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons'16" que promove e organiza a Concellería de Cultura.

Formado nas artes plásticas e visuais e considerándose a si mesmo un músico “de ouvido”, Pelayo Fernández Arrizabalaga (Laredo, 1949) botou man de aparellos visuais para comprender a notación musical. O que nacía como un sistema de apoio no seu desenvolvemento musical tomou forma como proxecto plástico-musical coa construción dun círculo cromático de notas. A nota DO era vermella e, fronte a ela, SI era dun ton verde prado. Primero foron temas de Charlie Parker pasados a cor; despois a escritura cromática de “Giant Steps” de John Coltrane e, como derivación lóxica, naceu a partitura xiratoria. Un cadro, si, pero susceptible de ser lido por un intérprete musical.

Sen abandoar o concepto “partitura” pero afastándose do pentagrama tradicional, as obras de Pelayo Fernández foron incorporando novos símbolos e elementos xeométricos, en boa parte polo achegamento do artista á electroacústica. Seguía os pasos de compositores como Karlheinz Stockhausen ou Mauricio Kagel no uso de partituras gráficas.

Pelayo Fernández Arrizabalaga estudou Belas Artes en Madrid e durante os anos setenta foi saxofonista e clarinetista en formacións de jazz como Orgón e José Antonio Galicia Flamenco Jazz. Nos anos oitenta fundou Clónicos con Markus Breus, levando aos escenarios xoguetes, taladros, serras mecánicas, radios, tocadiscos, casettes, gongs, percusións, instrumentos convencionais e non convencionales “e cables, moitos cables”. Desde 1993 vive en Suíza, onde continúa a desenvolver proxectos de música improvisada e electrónica.

As partituras gráficas de Pelayo Fernández non son só visualizacións das súas composicións. En Vigo presenta unha selección de quince pezas de diferentes tamaños e formatos, a través deas cales achegouse á obra de músicos nos que tiña un interese especial: Claude Debussy, Olivier Messianen, Gianto Scelsi ou Jimmy Lyons. Nos traballos gráficos ideados polo artista non falta a representación de diferentes parámetros musicais: altura, volume, silencio, ruído, dinámica, duración, ritmo. Tamén improvisa con liñas e cores que logo interpreta.

Así acontece na peza “Transbordo espacial”, na que os intérpretes poden escoller diferentes camiños para a improvisación nunha rede de metro que combina liñas e transbordos. Unha peza sobre o chan, de grande tamaño, doce por catro metros, con lugares de cruce de liñas que funcionan como puntos de « Transbordo », puidendo o intérprete cambiar a outra liña de forma similar a como se fai no metro das cidades. Estes puntos de transbordo son lugares de parada e improvisación.

O día da inauguración, serán os membros de Vertixe Sonora Ensemble os que interpreten a peza gráfica, en concreto Mario Peris, violín, Pablo Coello, saxofón, Felipe Agell, clarinete, e Nerea Rodríguez, acordeón.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 4 de setembro de 2016.

Entradas esgotadas para o concerto de HERMETO PASCOAL dentro do "Imaxina Sons'16"

Infórmase que as entradas para o concerto do artista HERMETO PASCOAL previsto para este venres 1 de xullo no Auditorio Municipal do Concello, dentro do Imaxina Sons'16, están esgotadas. Por este motivo, o despacho de billetes do auditorio só funcionará para a recollida das entradas vendidas anticipadamente.

Inauguración da exposición "Airiños, aires. Rosalía" de Xurxo Lobato na Casa das Artes

Este venres 1 de xullo, ás 20:00 h, inaugúrase na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición fotográfica "Airiños, aires. Rosalía" do artista Xurxo Lobato, que pretende ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra.

A exposición percorre a través de fotografías as paisaxes biográficas onde viviu Rosalía de Castro. Territorios, rúas, espazos vencellados a súa vida. Interpretados dunha maneira evocadora, suxerente, artística. Vigo, Padrón, A Coruña, Compostela, Bastavales, Dodro, Madrid, Simancas… É a mirada dun fotógrafo que busca a presenza da poeta a través das pegadas da súa obra e da súa vida.

A presenza da exposición en Vigo resulta importante, xa que foi a cidade onde se editou por primeira vez a súa obra “Cantares Gallegos”.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 31 de xullo de 2016.

Inauguración da exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo" no Verbum

Este mércores 29 de xuño, ás 12:00 h, inaugúrase no Verbum-Casa das Palabras (avda de Samil, 17) a exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo", unha produción da Concellería de Cultura, a través da Rede de Museos Municipais, comisariada por Adolfo Fernández e Pilar Barciela.

"Emporium" presenta mil anos de relacións comerciais de Vigo desde a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península. Mil anos nos que Vigo xoga un papel destacado na comunicación marítima do noroeste peninsular co resto do mundo coñecido, con momentos nos que foi o único enclave comercial en activo. Este aspecto do noso pasado, ata agora máis intuído que demostrado, ten á luz dos resultados das últimas investigacións arqueolóxicas, unha razón de ser.

"Emporium" artella o seu relato, de xeito sinxelo e didáctico, mediante máis de 200 obxectos arqueolóxicos, restaurados e documentados expresamente para a exposición, moitos dos cales se expoñen por vez primeira ao público. Pezas procedentes na súa gran maioría do Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, con achegas puntuais doutros museos e institucións de Galicia e norte de Portugal, entre as que destacan algunhas de gran valor histórico como os cipos do Castro da Illa de Toralla, que permiten documentar a presenza de comerciantes feniciopúnicos na ría de Vigo arredor do século V. a. C.; a espectacular crátera romana da villa de Toralla (s. IV d. C.) reconstruída para a exposición e atopada no depósito vigués aínda que probablemente fabricada en Braga; ou a cruz paleocristiana (s. VII d. C.) da que un pequeno fragmento testemuña polo seu material, ouro, e a súa factura, ser doazón dun alto eclesiástico visigodo á igrexa que no Areal daba servizo aos fieis de Vigo, un dos máis importantes puntos do comercio marítimo do momento.

Recursos técnicos e museográficos complementarios permitirán achegarnos aos contextos nos que estas pezas se produciron e tiveron pleno significado. "Emporium" presenta con este fin unha peza audiovisual única que a ninguén deixará indiferente porque, de xeito virtual, vainos levar ao Vigo deses mil anos de comercio.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 28 de maio de 2017.

Ampliación horarios por exames na Biblioteca Pública Juan Compañel en xullo e agosto

Co obxecto de facilitar o estudo polo periodo de exames e o uso das instalacións públicas, a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6), en colaboración coa Concellería de Cultura, ampliará o horario de apertura da súa Sala de Lectura, según o seguinte:

 

Periodo de ampliación: xullo e agosto.

Horarios ampliados durante ese periodo:

Luns a venres, non festivos: de 16:00 h a 20:00 h

Prórroga de exposicións na Pinacoteca FFR e no Museo "Quiñones de León"

A Concellería de Cultura prorroga as exposicións "Así nos ven, así somos?. A imaxen da muller na arte" e "Estraño cotián", que se expoñen actualmente na Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" e no Museo Municipal "Quiñones de León" de Castrelos, respectivamente. 

"Así nos ven, así somos?. A imaxen da muller na arte"  é unha produción da Concellería de Cultura, comisariada por Susana Cendán, que ten como un dos seus principais obxectivos a posta en valor dos fondos da colección de arte galega do Museo Municipal "Quiñones de León" de Castrelos —en particular— e do Concello de Vigo —en xeral—, recuperando para a actualidade a artistas extraordinarias das que había tempo non oíamos falar, é o caso de Elsa Pérez Vicente, Ana Legido, María Victoria de la Fuente, Legísima ou María Antonia Dans entre outras. A exposición prorrógase ata o 30 de outubro.

Pola súa banda, "Estraño cotián. A colección de Artes Decorativas do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León”, tamén promovida pola concellería, recupera unha serie de obxectos da colección de artes decorativas do museo, obras que teñen relación coa convivencia diaria das persoas e que, na súa maior parte, chegaron ao museo fóra do seu contexto orixinal. A exposición prorrógase ata o 17 de xullo.

Páxinas

Subscribe to Noticias