Noticias

Programación da Biblioteca Neira Vilas para primeiro trimestre de 2017

A Biblioteca Municipal "Xosé Neira Vilas" (r/ Martínez Garrido, 21) presenta a súa programación para o primeiro trimestre de 2017, que inclúe unha serie de actividades diversas, dirixidas a todos os públicos, e onde destacan as xa habituais como "A hora dos contos", "Contos Dakí" ou "Entre arrolos e contiños", ademais do club de lectura.

Compleméntase con actividades mensuais como os obradoiros, as mostras bibliográficas ou a celebración do Día Internacional da Poesía (21 de marzo) e do Día do libro infantil e xuvenil (31 de marzo).

Inauguración exposición "“Circa 70. Lírica e deformación no cambio de era” na Pinacoteca FFR

A Concellería de Cultura presenta a exposición "Circa 70. Lírica e deformación no cambio de era”, que se inaugurará o mércores 21 de decembro, ás 12:00 h, na Pinacoteca Municipal Francisco Fernández del Riego (r/ Abeleira Menéndez, 8), comisariada polo director do Museo "Quiñones de León", José Ballesta de Diego.

A exposición reúne obras dunha serie de artistas galegos, maioritariamente traballando en Galicia e especialmente en Vigo, ao redor de 1970, practicando todos eles, desde diversos enfoques, unha linguaxe figurativa.

Algúns destes autores atópanse no final da súa vida como o vigués de nacemento José Frau, verdadeiro protagonista da exposición ao presentarse unha mostra case que completa da súa obra nos fondos do Museo Municipal. Outros, polo contrario, atópanse no despegamento da súa carreira como o goianés Xavier Pousa ou Antón Abreu, vigués que por entón recén regresa da emigración arxentina.

Fronte á implantación progresiva da abstracción na arte do momento, todos os autores reunidos na mostra persisten no común denominador de traballar nunha linguaxe figurativa decantada cara a un expresionismo cheo de lirismo, case que inxenuismo naif, como é o caso de Sevillano, Vidal Souto ou Mercedes Ruibal; ou polo contrario, cara á desacougante despersonalización e deformación, como é o caso dos homes sen rostro de Sucasas ou os bonecos deformes de Pérez Bellas.

Moi interesante nesta liña de expresión é o traballo de Conde Corbal. Por vez primeira preséntase nesta mostra a súa serie completa de augatintas, de finais dos anos 60, inspirada no seu admirado Valle Inclán. Grazas a un admirable dominio da técnica, o pintor leva a violentos trazos episodios escollidos dalgunhas das obras de ambiente galego do dramaturgo.

Nas obras dos ourensáns Antonio Quesada e Virxilio Fernández Cañedo, ambos vencellados ao grupo de “Os Artistiñas”, a figura humana desaparece, ou se aparece faino por alusión. Quesada realiza nestes primeiros anos dos 70 algunhas das súas mellores e máis emblemáticas obras, trascendendo a mera representación naturalista da paisaxe para convertila en vehículo de expresión personal cun magnífico dominio da técnica pictórica.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 24 de setembro de 2017.

Ampliación horarios por exames na Biblioteca Pública Juan Compañel en decembro

Co obxecto de facilitar o estudo polo periodo de exames e o uso das instalacións públicas, a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6), en colaboración coa Concellería de Cultura, ampliará o horario de apertura da súa Sala de Lectura, según o seguinte:

Periodo de ampliación: xoves 1 ao luns 19 de decembro, ambos inclusive.

Horarios ampliados durante ese periodo:

Luns a venres: de 20:30 h a 24:00 h
Sábados: de 16:00 h a 24:00 h
Domingos e festivos: 10:00 h a 14:00 h

Inauguración exposición "Mapas e cartas de Vigo e de Galicia. Séculos XVII ao XX"

O xoves 27 de outubro, ás 12:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a inauguración da exposición "Mapas e cartas de Vigo e de Galicia.Séculos XVII ao XX", organizada pola Fundación Penzol coa colaboración da Concellería de Cultura.

A Fundación Penzol, co propósito de achegar os seus fondos á sociedade galega  e  máis concretamente á viguesa, organiza esta exposición de cartografía na que se expoñen 33 obras de mapas e cartas de Galicia e de Vigo, representativas do seu fondo cartográfico histórico, que comprende ao redor dunhas 80 pezas.

Na exposición amosaranse mapas antigos como o de Hernando de Ojea, primeira  representación que se fai de Galicia de maneira independente, así como tamén dos destacados cartógrafos Tomás  López,  Vicente Tofiño, Domingo Fontán, etc. Tamén contará con mapas seguindo o modelo cartográfico de “Le Neptuno François” e levantamentos cartográficos das costas galegas, realizados a principios do século XX polo buque "Urania" da Comisión  Hidrógrafica con base en Vigo.

O  comisariado  estará  a cargo  do destacado cartógrafo  galego, Gonzalo Méndez Martínez, profesor da Universidade de Vigo. A exposición permanecerá aberta ao público ata o 27 de novembro.

Oferta de visitas guiadas á exposición "EMPORIUM. Mil anos de comercio en Vigo"

A Concellería de Cultura ten programada no Verbum-Casa das Palabras a exposición “Emporium. Mil anos de comercio en Vigo”, que presenta as relacións comerciais de Vigo dende a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península Ibérica. A mostra, comisariada por Adolfo Fernández e Pilar Barciela, está aberta dende o pasado 29 de xuño ata o 28 de maio de 2017.

"Emporium" presenta mil anos de relacións comerciais nos que Vigo xoga un papel destacado na comunicación marítima do noroeste peninsular co resto do mundo coñecido, con momentos nos que foi o único enclave comercial en activo. Este aspecto do noso pasado, ata agora máis intuído que demostrado, ten á luz dos resultados das últimas investigacións arqueolóxicas, unha razón de ser.

A mostra estrutúrase en tres momentos cronolóxicos nos que se determinan aspectos económicos-comerciais diferentes: Prerromano, Romanidade e Tardoantigüidade, e o desenvolvemento expositivo está realizado, co máximo rigor científico e académico, por especialistas en Historia e Arqueoloxía.

Dada a importancia desta exposición, a Concellería de Cultura promove unha oferta de visitas guiadas dirixidas a grupos educativos e tamén a grupos diversos (asociacións, empresas, profesionais, de tempo libre, turísticos, etc), que realizarán monitores didácticos seguindo os materiais elaborados dispoñibles, que en breve poderán descargarse a través da web www.vigocultura.org ou www.vigo.org, para que os responsables dos grupos poidan coñecelos con antelación.

A inscrición previa dos grupos é imprescindible e poden realizarse a través do 010 Servizo de Atención Cidadá (010@vigo.org ou telefónicamente marcando 010 dende Vigo, ou 986 810260 dende móbiles, de luns a venres de 8:00 a 20:00 h, sábados de 10:00 a 14:00 h).

 

Máis información sobre as visitas no documento que se acompaña.

Presentación do "IV Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea"

A Concellería de Cultura colabora un ano máis coa Asociación Cultural VERTIXE SONORA para a organización da cuarta edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea, que neste outono convertirá á cidade de Vigo nunha referencia internacional na creación musical contemporánea. Vangarda e contemporaneidade son conceptos estreitamente vinculados ao festival Vertixe e tamén a esta cidade, sempre prolífica e punteira na creación cultural emerxente.

Con nove concertos, sete estreas absolutas e a presenza de artistas convidados de referencia como o dúo Desjardins-Anzelloti, o Kammarensemblen – KeN de Estocolmo, Oh Ton Ensemble de Oldenburg ou o Proyecto OCNOS de Sevilla, o Festival de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora reforza o seu posicionamento no panorama internacional nesta a súa cuarta edición. Unha proposta de programación que recolle o diverso acontecer sonoro da nosa época. Un festival que contribúe ao recoñecemento internacional da nosa comunidade e á construción dunha identidade artística sólida e de prestixio para o territorio.

Vertixe Sonora Ensemble, desde a súa creación, opera en Galicia co obxectivo de construír unha plataforma para a creación musical contemporánea. Na constitución desa escena, Vertixe Sonora aposta pola produción artística desde Galicia, polo traballo en rede no ámbito internacional e polo diálogo da música con outras disciplinas, coa concorrencia de creadores e entidades diversas.

O Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea contará coa presenza de compositores e intérpretes de referencia, tal como se indicaba. Froitos recollidos do intenso traballo en rede que o ensemble desenvolve ao longo do ano na escena internacional. Así este evento conta co apoio tamén do Musik Verket, Institut Français e do INAEM. Nesta edición achegarémonos ás músicas en feminino en Coma espellos dun calidoscopio, un programa comisariado por Elena Rykova que contará coa colaboración da poetisa María do Cebreiro e presenta cinco compositoras e artistas sonoras de diferentes países.

Lamentaremos xunto a Alberto Posadas a morte de cancro do seu amigo, o grande Gerard Mortier -que fora director artístico do Teatro Real en Madrid entre 2010 e 2013- a través do seu magnífico Tombeau et Double. Saberemos da crise contemporánea a través da Paixón para xornalista, video, ensemble e electrónica, Voci Vicine/ voces próximas, que trae en exclusiva o Kammarensemblen – KeN sueco na súa primeira visita a España e na que colabora a periodista do Faro de Vigo, Susana Regueira.

Teremos espazo para a ciencia e recrearemos o instrumento de síntese acústica de Koenig (1832-1901) nunha colaboración exclusiva co Institut für Technikgeschichte da Universidade Técnica de Darmstadt para a estrea absoluta de Eduardo Moguillansky Droit sur les cloches. E tamén conmemoraremos o segundo centenario da erupción do volcán Tambora, que dera lugar ao denominado 'ano sen verán' e a aparición de obras mestras da arte e da literatura coma o Frankestein de Mary Shelley, Darkness de Byron ou moitos dos cadros posteriores de William Turner. E, como non, reflexionaremos sobre o ruído, a orde, a desorde ou a entropía co Proyecto OCNOS que nos visita desde Sevilla, con dúas estreas de Germán Alonso e Nuria Núñez.

O festival está organizada por Vertixe Sonora Ensemble, un dos colectivos máis destacados na aposta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes. Desde a súa aparición en 2010, Vertixe Sonora Ensemble converteuse nun auténtico revulsivo da sociedade galega. A súa permanente estrea de obras novas permite que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Un referente insubstituíble para a última xeración internacional de compositores que atopa nas súas producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global en permanente estado de convulsión, na procura da excelencia artística.

Novos cursos sobre CINE, ARTE e MÚSICA contemporánea no MARCO

Nestes días continúa aberto o prazo de matrícula para dous dos cursos de adultos que se desenvolverán no MARCO nesta tempada 2016-17: novos ciclos a cargo de Ana Pereira e José Manuel López, coa colaboración de relatores invitados, que ofrecen diferentes visións e percorridos pola historia da escultura e do cinema, que terán lugar entre os meses de otubro 2016 e maio de 2017. Ademais, este outono poñerase en marcha unha nova proposta relacionada co curso AGUZAR O OÍDO, en colaboración con Vertixe Sonora e no contexto do Festival Vertixe, que terá lugar do 13 de outubro ao 17 de novembro.

Fichero: 

Programación da Biblioteca Neira Vilas para derradeiro trimestre de 2016

A Biblioteca Municipal "Xosé Neira Vilas" (r/ Martínez Garrido, 21) presenta a súa programación para o derradeiro trimestre de 2016, que inclúe unha serie de actividades diversas, dirixidas a todos os públicos, e onde destacan as xa habituais como "A hora dos contos", "Contos Dakí" ou "Entre arrolos e contiños", ademais do clube de lectura.

Compleméntase coas actividades mensuais como obradoiros e as mostras bibliográficas.

Programación do "Festival SINSAL 14-Outono"

A Concellería de Cultura colabora un ano máis con Sinsalaudio na programación do Festival Sinsal que chega xa á súa décimo cuarta edición. O festival contará neste outono con catro concertos a celebrar en distintos espazos municipais, como o Auditorio Municipal do Concello, o MARCO e maila Casa das Artes, entre o 29 de setembro e o 2 de novembro.

SINSAL implica unha maneira de entender a música que nace do amor á mesma, da curiosidade, da necesidade de investigar máis alá dos puntos cardinais establecidos, tanto desde un punto de vista xeográfico como estético. Que nace dun enorme respecto polo músico e polo público. Ademais, ten unha preocupación especial na relación co territorio como parte que son do seu tecido cultural, convencidos de que a música e a cultura son un factor fundamental de desenvolvemento social, cidadá.

O evento sorprenderá de novo con propostas exclusivas en Galicia e artistas que dificilmente poderían disfrutarse sen plataformas como este festival, casos de Lloyd Cole, Derek Gripper ou Paddy Steer.

Programación "Vigocultura" no Auditorio Municipal para periodo outubro-decembro

A Concellería de Cultura presenta a programación municipal de artes escénicas "Vigocultura" que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) dende o xoves 6 de outubro ao domingo 18 de decembro, ambos inclusive.

Nesta nova tempada, a concellería volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas, cos mellores espectáculos de música, teatro, danza e circo que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela.

A programación conta para este derradeiro trimestre do ano cun total de 22 funcións, que abarcan diversos xéneros como teatro, música, danza, circo, e que inclúe un espectáculo para bebés.

Trátase dun total de 18 compañías, das cales 9 son  galegas, 8 doutras partes de España e unha portuguesa. Tres das compañías son viguesas e estrearán os seus novos espectáculos dentro da programación: Triatreros, Avento Producións e A Artística, froito do interese do Concello de Vigo en apoiar ás compañías locais á hora de estrear as súas novas montaxes.

A programación divídese na destinada a público adulto, que terá lugar os venres de outubro e novembro ás 21:00 h, e a destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos de novembro ás 18:00 h e con funcións dobres os domingos de decembro.

Ante a demanda do público nas últimas edicións, este ano están programadas funcións dobres no mes de decembro para todos os espectáculos, ás 12:00 h e 18:00 h, entre os que se encontra un para bebés, o domingo 4; a representación das Tres Reinas Magas de Gloria Fuertes o domingo 18; e dúas funcións o domingo 11 da última produción da compañía madrileña Yllana, que fará un pase ás 18:00 h para todos os públicos e unha sesión máis "golfa" do mesmo espectáculo, destinada a público adulto, ás 20:30 h.

Moitos dos espectáculos seleccionados para esta programación contan con prestixiosos premios e están recomendados por diversas redes nacionais e internacionais.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como do programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos de público adulto abarcan desde os 5 aos 10 €, dependendo do caché das compañías e grupos. As entradas para os espectáculos dirixidos a público familiar terán prezos de 3 e 5 €, seguindo o mesmo criterio.

As entradas pódense adquirir anticipadamente a partir do luns 26 de setembro a través da páxina web www.ataquilla.com, telefonicamente a través do 902.504.500, ou ben físicamente no despacho de billetes da Central de Espectáculos, na sede de Afundación, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo do espectáculo no despacho de billetes do auditorio, sempre que houbese entradas dispoñibles.

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

Páxinas

Subscribe to Noticias