Noticias

Traslado de data da conferencia sobre a exposición "Hoxe toca o Prado"

Comunícase que, por axustes organizativos, a conferencia prevista para este venres, día 24, no salón de actos da Casa Galega da Cultura a cargo de Fernando Pérez Suencun, xefe de Contidos Didácticos da Área de Educación do Museo Nacional del Prado e comisario da exposición "Hoxe toca o Prado", trasládase ao mes de abril, en data a concretar e que se anunciará no seu momento.

Inauguración da exposición accesíbel "Hoxe toca o Prado" na Pinacoteca FFR

O Museo Nacional del Prado e a Concellería de Cultura presentan a exposición "Hoxe toca o Prado”, que se inaugura o venres 24 de febreiro, ás 12:00 h, na Pinacoteca Municipal Francisco Fernández del Riego (r/ Abeleira Menéndez, 8), baixo o patrocinio da Fundación AXA e a colaboración da ONCE.

A exposición presenta reproducións en relevo dalgunhas das pinturas máis representativas do Museo Nacional del Prado. Son o Noli me tangere, de Correggio; A Gioconda, do taller de Leonardo da Vinci; A Fragua de Vulcano, de Velázquez; O cabaleiro da man no peito, de El Greco; o Bodegón con alcachofas, flores e recipientes de vidro, de Van der Hamen, e A antuca, de Goya. Móstrase tamén a reprodución dunha obra dos fondos municipais do Museo "Quiñones de León": Santa Cecilia, atribuída a Carlo Dolci.

Unha audioguía ofrece as indicacións necesarias para facer o percorrido táctil das pezas expostas. A exposición conta así mesmo con paneis e cartelas en braille. É, polo tanto, especialmente accesible a persoas con algún tipo de discapacidade visual.

Ademais, ofrécense lentes opacas —que impiden a visión— para lles facilitar esta interesante experiencia sensorial a todos os visitantes da exposición.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 14 de maio.

O espectáculo de rúa "Fitness" de Ibuprofeno Teatro celébrase este venres 17 de febreiro

Este venres, 17 de febreiro, ás 18:00 horas, a compañía Ibuprofeno Teatro retoma o espectáculo de rúa FITNESS, previsto inicialmente para o pasado 27 de febreiro e que foi cancelado por inclemencias metereolóxicas, dentro da programación de Vigocultura.

Fitness é un espectáculo itinerante, no que a pallasa Marián Bañobre percorrerá en bicicleta o centro de Vigo, desde a Porta do Sol até o Mercado do Progreso, facendo deporte en todas as súas variedades, interaccionando e captando a atención dos transeúntes. Desde o humor e a sutileza dunha clown muda e con certo aire de misterio, ofrecerase un retrato crítico de certos clixés construídos socialmente arredor do universo feminino, relacionados coa obsesión polo aspecto físico, o coidado do corpo e a saúde, detrás dos que hai emocións máis íntimas como a autoafirmación ou a soidade.

O percorrido será: Porta do Sol e rúa Príncipe. Desde a Praza da Princesa até a farola de Urzáiz.

I Festival Internacional "Xoves clásicos de Vigo"

Este xoves, día 9 de febreiro, comeza o I Festival Internacional "Xoves clásicos de Vigo" que organiza a Asociación de Música Clásica de Galicia, coa colaboración da Concellería de Cultura. Os concertos terán lugar ata o 6 de abril no Auditorio "Martín Codax" do Conservatorio Superior de Música (r/ Manuel Olivié, 23).

O festival nace coa idea de ofrecer un programa variado e de calidade, coa participación de reputados intérpretes nacionais e internacionais. Así, o concerto inaugural correrá a cargo da soprano Marta de Castro, xunto ao pinanista Ricardo Francia. Outros artistas como Margherita Marseglia, Miquel Pérez Perelló, Scaramuccia Ensemble, Josu de Solaun, Cuarteto Compostela, András Kemenes, Jesús Reina, Bobby Chen e La Bellemont Ensemble, completan o cartel de concertos desta primeira edición.


As entradas están á venda no servizo de Ticketea.

Gañadores/as do "XXI Maratón Fotográfico"

Hai uns intres, durante o acto de inauguración da exposición na Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15), déronse a coñecer as persoas gañadoras dos premios estipulados nas bases do "XXI Maratón Fotográfico" que tivo lugar os días 10 e 11 de decembro pasados.

Nesta ocasión foron un total de 91 participantes que tiveron 24 h para fotografar catro temas: "Resplandor", "Construindo", "Clandestino" e "Oco".

O xurado, presidido polo concelleiro-delegado da Área de Cultura, Cayetano Rodríguez Escudero, estivo composto por:

Eva Díez, fotógrafa

David Hernández, autor cinematográfico

Iria Vázquez, artista multidisciplinar

Miguel Vidal, fotógrafo

 

Os premios concedidos ás series fotográficas foron os seguintes:

- Primeiro premio, dotado con 1.000 €: Antonio Álvarez Vidal

- Segundo premio, dotado con 500 €: Fran Pedreira

- Terceiro premio, dotado con 300 €:  Adrián Freiría Díaz

- Dous accesit: Manuela Mateo-Morales e Thibaud Dupuy

 

A exposición, na que se expoñen a obra de todos os participantes e de forma ampliada a dos 25 seleccionados, permanecerá aberta ao público ata o 12 de marzo.

Inauguración das exposicións do "XXI Maratón Fotográfico" e "II Concurso de Narración Fotográfica Clína Dra. Susana Santeiro"

Este xoves día 2 de febreiro, ás 20:00 h, inaugúranse no primeiro andar da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) as  exposicións correspondentes ao "XXI Maratón Fotográfico Concello de Vigo" e mailo "II Concurso de Narración Fotográfica Clínica Dra. Susana Santeiro".

O "XXI Maratón Fotográfico" está organizado pola Agrupación Fotográfica Galega, coa colaboración da Concellería de Cultura e da Clínica Dr. Susana Santeiro. O maratón tivo lugar o 10 e 11 de decembro pasados, con preto de 100 participantes que tiveron 24 h para fotografar catro temas: "Resplandor", "Construindo", "Clandestino" e "Oco". Como é costume, durante o acto de inauguración, o xurado dará a coñecer as persoas gañadoras dos premios estipulados nas bases e que se conceden á serie fotográfica:

Primeiro premio: 1.000 €

Segundo premio: 500 €

Terceiro premio: 300 €

En canto ao "II Concurso de Narración Fotográfica Clínica Dra. Susana Santeiro", nesta segunda edición presentáronse un total de 70 participantes de España e Portugal, adquirindo por tanto repercusión internacional. As bases do concurso estipulaban que se debería contar unha historia nun mínimo de dúas e un máximo de seis fotografías, creando unha secuencia de imaxes cun fío conductor que xenere un relato. Os premios, que se entregarán o día 9 de marzo, están dotados cun importe de:

1º Premio: 1.000 € + Diploma

2º Premio: 500 € + Diploma

3º Premio: 250 € + Diploma

Premio especial do público: 300 € + Diploma

3 accésits: 50 € + Diploma

Premio de honor "Clínicas Dentais Susana Santeiro": 300 €


As exposicións permanecerán abertas ao público ata o 12 de marzo.

Programación municipal de artes escénicas "Vigocultura" para período febreiro-abril

A Concellería de Cultura presenta a programación municipal de artes escénicas "Vigocultura" que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei,1) dende o venres 3 de febreiro ao domingo 30 de abril, ambos inclusive. Tralo éxito acadado no 2016 en canto ás cifras de asistencia, vólvese a apostar para o ano 2017, dentro das liñas de programación que veñen sendo habituais, por incluír espectáculos con novas linguaxes e formatos escénicos nunca vistos até o momento na programación do auditorio.

No ano 2016, a programación "Vigocultura" tivo un total de 9.000 espectadores, sendo os espectáculos mellor valorados polos espectadores o Monólogo do imbécil, da compañía Eme2 Emocion&Arte, Kepa Junkera&Sorginac en concerto e The Funamviolistas, no que respecta a público adulto, e Chíos, espectáculo para bebés da compañía Teatro da Semente, Chefs, da compañía Yllana, e Invención, do grupo Odaiko, en canto ao público familiar.

A programación para este semestre, composta por espectáculos de rúa, música, monicreques, teatro, comedia, danza, teatro de máscara e circo, comezará co espectáculo de rúa "Fitness", de Ibuprofeno Teatro, o venres 27 de xaneiro ás 18:00 h cunha aloucada e frenética muller adicta ao fitness, que desde a praza da Princesa até a farola de Urzáiz, dará unha clase colectiva de "ximnasia" presentando a programación de "Vigocultura" aos viandantes.

O venres seguinte, día 3 de febreiro, comezará a programación no Auditorio Municipal do Concello coa actuación de Radio Cos, o grupo de Xurxo Fernández e Quique Peón, que presentarán o seu novo disco "Pasatempo". O venres 10 de febreiro, a compañía viguesa Artello Teatro presentará na súa cidade o espectáculo "Non toques os meus círculos", espectáculo que obtivo a Mención de honra á posta en escena na Final de Ciencia en Acción 2016.

Compañías como Chévere, ButacaZero, Teatro de Ningures (conmemorando o Día Internacional da Muller), Voadora, Ilmaquinario, Kulunka Teatro, a compañía arxentina Criolla, Ibuprofeno (coa obra O Furancho, Premio María Casares 2016 ao Mellor Vestiario, Finalista nos Premios María Casares 2016 ao Mellor Autor e Premio Fetega ao Mellor Espectáculo e Mellor Actriz con Isabel Risco), Excéntricas (conmemorando o Día Internacional do Libro, co primeiro espectáculo de Valle-Inclán traducido ao galego da historia, A cabeza do Dragón, e dirixida por Quico Cadaval, que tamén está no elenco), e Traspediante e Pistacatro (Día Internacional da Danza), completan a programación adicada ao público adulto, que terá lugar os venres ás 21:00 h.

En canto á programación para toda a familia, que se desenvolverá os domingos ás 12:00 h, comezaremos con música con "A Nena Que Quería Navegar", de Redrum Teatro; completan a programación as compañías Expresión Produccións, Galitoon (espectáculo coa técnica da luz negra), Farrés Brothers&Cia (viaxe en globo “estático”, Premio Feten 2016), Limiar Teatro, Las Tricotouses (danza), Avoayouja (espectáculo para os máis pequeniños), Ghazafelhos, La Canica (conmemorando o Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil, Premio Feten 2016 ao mellor Espectáculo de Títeres), Perez&Fernandez (espectáculo infantil revelación no ano 2016 no panorama do teatro galego), Artestudio (conmemorando o Día Internacional do Libro, merecida homenaxe a Agustín Fernández Paz) e Otradanza.

En resumo, neste semestre haberá un total de 24 grupos e compañías programadas, con 25 espectáculos diferentes e 29 funcións.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Así, os prezos das entradas para os espectáculos para adultos son de 5 e 8 €, dependendo dos cachés das compañías e grupos, e os dirixidos a público familiar de 3 e 5 €, polo mesmo criterio.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir de hoxe (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea (https://www.ticketea.com/organizers/concello_vigo/), no teléfono 902.044.226, na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26), ou o mesmo día do espectáculo no despacho de billetes do auditorio, a partir dunha hora antes do comezo (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Os abonos para a programación deste periodo pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

Presentación VIGO SINFÓNICO 2017. Orquestra VIGO 430

A Concellería de Cultura presenta o programa "VIGO SINFÓNICO 2017" da Orquestra VIGO 430, unha completa programación cunha liña de continuo crecemento en todos os aspectos do seu proxecto orquestral, e que unha vez máis conta coa colaboración municipal.

A programación estará repleta de atractivos títulos e excepcionais solistas, así como dos directores titulares habituais da orquestra: Vicent Alberola (Orquestra Sinfónica VIGO 430), Alfonso Sebastián (Orquestra Barroca VIGO 430) e Roberto Baltar (Orquestra Xove VIGO 430).

A estrea da temporada terá tinguiduras jazzísticas xa que contará con Paquito de Rivera, gañador de 7 premios Grammy, interpretando o seu propio concerto “Cape Cod” xunto ao recoñecido pianista Pepe Rivero; ao programa engadiranse títulos tan suxestivos como a “Obertura cubana”, “Un americano en París” de Gershwin, e o “Danzón” de Márquez, para completar un programa que se presume inesquecible. O concerto terá lugar o domingo 22 de xaneiro, ás 19:00 h, no Auditorio "Mar de Vigo".

No mes de febreiro (día 24) interpretarán, xunto ao Coro de Cámara "Rías Baixas", a Misa da Coroación de Mozart, xunto cun gran elenco de cantantes galegos como Mariña Penas, María Rivera, Pablo Carballido e Pedro Martínez. Tamén poderemos desfrutar do virtuosismo de Paco Varoch no concerto para frautín “Il Gardellino” de Vivaldi.

O martes 28 de febreiro e o mércores 1 de marzo chegará un novo concerto da Orquestra Xove. Despois da sorprendente calidade obtida por estes novos valores no anterior encontro do pasado mes de novembro, esta vez fano acompañados dunha extraordinaria violinista: a novísima Inés Issel, dúas veces gañadora do concurso "Cidade de Vigo", que interpretará “Aires xitanos” de Sarasate. O programa completarase cos “Cadros dunha exposición”, obra composta orixinalmente para piano por Modest Mussorgsky, pero que foi maxistralmente orquestrada por Maurice Ravel.

Xa no mes de marzo (día 18), a VIGO 430 ofrecerá outro dos pratos principais da súa temporada: o concerto con Anna Fedorova, unha das pianistas máis destacadas da súa xeración. Interpretará o soado concerto Nº2 de Rachmaninov e a marabillosa 4ª sinfonía de Brahms. Así mesmo, o día 26 contarase de novo coa violinista moldava Rusanda Panfili, que regresa por segundo ano consecutivo aos escenarios vigueses, pero este ano integrarase como protagonista no Ensemble Vigo 430. A formación de cámara tocará pezas de Grieg, Haydn e Dvoràk.

No mes de abril teremos a Orquestra Barroca, que contará nesta ocasión como solistas cos renombrados especialistas Sara Ruiz (Viola de Gamba) e Guillermo Peñalver (Frauta). Interpretarán un programa integramente dedicado a Georg Philipp Telemann, no 250 aniversario do seu pasamento. A finais dese mesmo mes, a Orquestra Sinfónica contará co excepcional violinista francés David Grimal, que nos traerá a súa versión do concerto de Sibelius, nun programa no que ademais escoitaremos música contemporánea do compositor vigués Juan Eiras coa súa obra “Old Sailor´s room” e do ruso Rimsky-Korsakov, co seu colorista “Sheherezade”.

“VIGO SINFÓNICO 2017” chegará á súa fin para mediados de maio (día 14), cun concerto no que terá como convidado a Guillermo Pastrana, un dos mellores violoncellistas españois, que interpretará o concerto de Schumann nun programa que se completará coa “sinfonía Escocesa” de Mendelssohn e a suxestiva “Fratres” de Arvo Pärt. 

As entradas para os concertos e os abonos están a disposición do público no servizo Ticketea e na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26)

Inauguración da exposición "Divino Profano. Cultos, imaxes e significados" no Museo de Castrelos

Este vindeiro martes 17 de xaneiro, ás 12:00 h, terá lugar no Museo "Quiñones de Léon" de Castrelos a inauguración da exposición "Divino Profano. Cultos, imaxes e significados", promovida pola Concellería de Cultura.

O obxectivo da mostra é amosar como a arte pretende transmitir sentimentos, ideas e, sobre todo, valores ao espectador, e é capaz, nesa función comunicativa, de suscitar respostas emotivas. Dende os comezos da creación artística, a arte reflicte un modo de entender o mundo que nos rodea, adquirindo a súa vez un compoñente estético, unha función social ou soamente ornamental. Tanto nos seus aspectos estéticos ou ornamentais, a arte ten unha función comunicativa inherente; transmite mensaxes que lle son coñecidos a quen a contempla, independentemente do espazo e do tempo.

Esta exposición presenta unha serie de imaxes que naceron pola existencia dun culto que as motivou e, ao mesmo tempo, orixinaron unha devoción en quen as contemplou. Diferénciase nestes cultos, os divinos e profanos, e como se conxugan en moitos casos nunha mesma obra de arte.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 14 de xaneiro de 2018.

Nova oferta de visitas guiadas á exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo"

Seguindo coa oferta realizada durante o pasado ano, a Concellería-delegada da Área de Cultura oferta novas visitas guiadas  á exposición “Emporium. Mil anos de comercio en Vigo”, que se celebra no Verbum-Casa das Palabras e que presenta as relacións comerciais de Vigo dende a Prehistoria ata a chegada dos árabes á Península Ibérica. A mostra está aberta ata o 28 de maio.

Esta exposición, de produción propia do Concello de Vigo, pretende dar unha oportunidade á cidadanía, especialmente á viguesa, de coñecer o pasado que explica en grande medida o noso presente como cidade portuaria, industrial e comercial. Os materiais e pezas expostos proveñen principalmente dos fondos do Museo Municipal “Quiñones de León”, complementados con elementos doutros museos de Galicia.

A mostra estrutúrase en tres momentos cronolóxicos nos que se determinan aspectos económicos-comerciais diferentes: Prerromano, Romanidade e Tardoantigüidade, e o desenvolvemento expositivo está realizado, co máximo rigor científico e académico, por especialistas en Historia e Arqueoloxía.

Trátase dun novo ciclo de visitas guiadas que realizarán monitores didácticos seguindo os materiais elaborados dispoñibles, que poden descargarse a través da web "www.vigocultura.org". No caso da oferta dirixida a grupos escolares (3º ciclo de primaria, 1º ciclo da ESO e 1º de Bacharelato), precisan inscrición previa, e realizaranse os martes e xoves, non festivos, ás 9:45 h e ás 11:30 h, do 7 de febreiro ao 25 de maio.

Tamén existe a posibilidade de visitas guiadas para as persoas presentes na sala de exposicións os sábados, non festivos, ás 18:00 h, do 11 de febreiro ao 27 de maio.

En todos os casos, o acceso é gratuíto. Achégase máis información no documento anexo.

Páxinas

Subscribe to Noticias