Noticias

Peche provisional da sala infantil da Biblioteca Juan Compañel

Infórmase de que, con motivo do cambio de mobiliario, a sala infantil da Biblioteca Pública "Juan Compañel" permanecerá pechada ao público entre os días 25 e 31 de outubro, ambos inclusive.

A Concellería de Cultura e mailo Grupo Aletheia-Vigo presentan as "XXIV Xornadas de Filosofía"

A Concellería de Cultura, baixo a dirección técnica do Grupo Aletheia-Vigo, presentan a viséximo cuarta edición das Xornadas de Filosofía que terán lugar, no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1), do 16 ao 19 de outubro, ambos inclusive.

As xornadas sempre buscaron un tema de actualidade ou de enorme interese social para someter a debate. Cosmoloxía, relixión, economía, socioloxia, ética, ciencia, política… e outros moitos temas xa foron tratados en edicións anteriores. Este ano decidiuse propor a medicina baixo a mirada filosófica: “Filosofía e medicina”. As razóns desta elección temática son varias, e todas elas de contundente peso intelectual:  os criterios filosóficos, bioéticos e relixiosos que examinan a práctica médica; os protocolos e a relación médico-paciente-familiares; a repercusión política na medicina; o uso -e abuso- de fármacos e alternativas pseudocientíficas á medicina científica; a existencia dun profundo debate social sobre a situación do modelo sanitario en Galicia, en España e no resto do mundo; ou temas actuáis a debate como a eutanasia, a concepción subrogada, o aborto…

Para abordar este tema, seleccionáronse os mellores expertos entre médicos e filósofos, tendo que lamentar o falecemento fai uns días de Jesús Mosterín, que formaba parte do programa inicialmente. O currículum de cada relator é soberbio, e cada un deles é do mellor que hai nestes momentos en España na súa profesión: Anxo María Carracedo, Javier Sábada, Benjamín Herreros, Enrique Echeburúa, Josep Toro, Adolf Tobeña, Igancio Mogardo e Manuel Toharia. Todos proveñen das máis prestixiosas universidades de España: Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, País Vasco e Universidade de Santiago de Compostela.


A inscrición nas xornadas pode realizarse a través de correo-e no enderezo "xornadasaletheia@yahoo.es", ou o propio luns 16 no auditorio. A entrada é libre e de balde.

Entradas esgotadas para a función deste venres 6 de outubro da compañía YLLANA

Infórmase que as entradas para a función deste venres 6 de outubro da compañía YLLANA, co espectáculo "Yllana 25", no Auditorio Municipal do Concello, están esgotadas. Por este motivo, o despacho de billetes do auditorio só funcionará para a recollida das entradas vendidas anticipadamente.

Todavía hai posibilidade de adquirir entradas para a función do mesmo espectáculo prevista o xoves 5 ás 21:00 h. As entradas poderán adquirirse anticipadamente a través da páxina web de Ticketea (www.ticketea.com), no teléfono 902.044.226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no depacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Discos Elepé substitúe á Central de Espectáculos como punto de venda de entradas para o programa "Vigocultura"

Como consecuencia do peche e traslado da Central de Espectáculos, a partir do luns 2 de outubro as entradas para os espectáculos da programación municipal de artes escénicas e musicais "Vigocultura" poderán adquirirse en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), de luns a sábado, en horario de 10:00 a 13:30 h e de 16:30 a 20:00 h

 

 

 

 

 

A Casa das Artes acolle dende o mércores 27 de setembro a exposición "Os mundos de Carlos Casares"

Este mércores, día 27 de setembro, ás 19:00 h, terá lugar na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a inauguración da exposición "Os mundos de Carlos Casares", organizada pola Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Concellería de Cultura.

A exposición ten como obxectivo celebrar a vida e a obra do escritor ourensán (1941-2002) na  clave dun percurso vital, unha viaxe polo tempo e polo espazo. Seguindo as palabras do propio escritor para construír un mapa emoción ao, debuxar un territorio, contar unha historia.

Máis alá da intención retrospectiva, a exposición presenta diferentes marcos contra os que poder desenvolver as relacións de Carlos Casares co mundo, nunha sucesión de territorios simbólicos: “Paisaxes”, “Luzadas”, “A viaxe”, “Conviña...” e “O redondel”, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e as súas xentes.

Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permite debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira conectar coas xeracións máis novas.

Con esta exposición, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo contribúen na difusión da figura do escritor ourensán ao que neste ano 2017 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, xunto coas dúas exposicións anteriores que se desenvolveron na Casa Galega da Cultura.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 5 de novembro.

O Auditorio Municipal acolle ata final de ano 22 espectáculos para todos os públicos coa programación de Vigocultura

O venres 29 de setembro arranca a programación do segundo semestre de VIGOCULTURA, organizada dende a Concellería de Cultura, cun espectáculo de rúa a cargo do Trío Refugallo, que irá desde a Porta do Sol ata Príncipe. Será o primeiro das 22 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, circo e un espectáculo para bebés.

A programación de música, teatro e danza VIGOCULTURA para os meses de outubro a decembro volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. A programación do Auditorio Municipal conta para este segundo semestre do ano cun total de 22 funcións, que abarcan diversos xéneros como o teatro, a música, a danza, o circo, e inclúe un espectáculo para bebés. Trátase dun total de 16 compañías, 10 galegas, 5 doutras partes de España e unha portuguesa.

O programa conta con sesións para público adulto, os venres de outubro e novembro ás 21 horas, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos de novembro ás 18 horas e con funcións dobres os domingos de decembro ás 12 e 18 horas.

Entre os pratos fortes na oferta para público adulto, atópase Yllana, que estará o xoves 5 e o venres 6 de outubro, co espectáculo que conmemora o seu 25 aniversario. Un esmendrellante repaso da traxectoria da mellor compañía de humor sen palabras, cunha selección dos mellores 25 sketches dos seus espectáculos.

A compañía portuguesa do Chapitô volve a Vigo coa súa nova proposta, premio na última edición Feira de Teatro de Huesca, despois do éxito de Edipo no Auditorio do Concello.

A compañía galega A Panadaría, co seu novo espectáculo sobre o primeiro matrimonio homosexual en Galicia, a homenaxe de Pistacatro ás xentes do circo ou as compañías referente do teatro galego Sarabela Teatro e Teatro do Atlántico, completan a oferta teatral para o público adulto. Asemade, o grupo vigués Vatapá Quinteto fará a presentación do seu primeiro disco.

Na oferta para toda a familia destacan a compañía pontevedresa Baobab Teatro, L’Estaquirot co seu "Antón Comodón" que foi premio Feten ao Mellor Espectáculo de Monicreques ou Tresperté Circo Teatro co seu espectáculo recomendado pola Rede Nacional de Teatros.

O espectáculo para bebés "Redondo" da compañía Caramuxo Teatro, estará no Auditorio o domingo 26 de novembro, con dúas funcións ás 12 e 18 horas, cun aforo limitado e recomendado a partir de 6 meses de idade.

A compañía madrileña de danza Aracaladanza realizará dous pases, ás 12 e 18 horas, así como o resto da programación familiar do mes de decembro, debido ao éxito de anos anteriores e estará completada por "Contacreques" de Eme2 e o concerto de A Gramola Gominola.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como do programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos para o espectáculo de Yllana serán de 10 € e para o resto de espectáculos de teatro para adultos 8 €. Os espectáculos de danza, música e circo para público adulto terán un prezo de 5 €, así como para todos os espectáculos destinados a público familiar.

Para fomentar a utilización das canles de venda anticipada e para evitar as colas no despacho de billetes antes de comezar os espectáculos cos conseguintes retrasos no comezo das funcións, o Concello asumirá o custe dos gastos de xestión na venda anticipada. Deste xeito, o espectador pagará o mesmo mercando a entrada en anticipada que o propio día no despacho de billetes do Auditorio.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do mércores 20 de setembro a través da páxina web de Ticketea (www.ticketea.com), no teléfono 902.044.226, na Central de Espectáculos, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no depacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Os abonos para a programación deste semestre se poden combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

A Sociedade Coral de Torrelavega ofrece un concerto no Auditorio "Martín Códax" do CSM o sábado 26 de agosto

O sábado 26 de agosto, ás 20:00 h, terá lugar un concerto da Sociedade Coral de Torrelavega no Auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música (r/ Manuel Olivié, 23), que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e do propio conservatorio.

A Sociedade Coral de Torrelavega foi fundada no ano 1925, baixo a dirección de D. Lucio Lázaro López, comezando en 1930 a súa proxección a escala nacional. Ao longo de tan dilatado espazo de tempo, colaborou con numerosas agrupacións instrumentais e de canto, así como con prestixiosos directores tales como Antonio José, Otaño, Prieto ou Arámbarri.

Ten realizado actuacións coa Orquestra de Cámara Alemá Baden Württemberg, coa Orquestra de Cámara de Ekaterimburgo, ou con conxuntos instrumentais como "Mixture" e "Anacrusa"; a coral ten realizado xiras musicais por diferentes países de Europa como Francia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Inglaterra, ademais de levar as particularidades da música de Cantabria por todas as rexións de España.

En recoñecemento ao seu labor de divulgación e engrandecemento da música coral ao longo de tan dilatado espazo de tempo, a coral foi distinguida coa medalla de ouro da cidade de Torrelavega.

A entrada ao concerto será libre até completar o aforamento do auditorio.

"A NOITE BRANCA" da Rede de Museos Municipais celebra o venres 11 de agosto a súa quinta edición

A Concellería de Cultura promove o programa cultural "A NOITE BRANCA", que se desenvolverá o venres 11 de agosto. Esta iniciativa, iniciada hai cinco anos, ten como principal obxectivo poñer en valor  o patrimonio da nosa cidade á vez que desenvolve unha manchea de actividades nos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo (Pazo-Museo "Quiñones de León", Verbum-Casa das Palabras, Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", Casa Galega da Cultura, Casa das Artes, MARCO-Museo de arte contemporánea de Vigo e Museo Liste-Etnográfico de Vigo); todo nun horario amplo, procurando maiores atractivos para a cidadanía viguesa e para as persoas que visitan a cidade nestas datas. 

Ao igual que no ano anterior, súmanse a esta iniciativa os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano (Toralla), dependentes da concellería de Patrimonio Histórico, a “Sede Afundación Vigo” (a través do centro Naturnova) e o Museo do Mar de Galicia.

Fiel á súa filosofía de gratuidade, sustentabilidade e participación, nesta quinta edición vólvese a realizar unha oferta extensiva e diversificada, que obriga á escolla, nunha noite de verán chea de vitalidade e xentes nas rúas e espazos. En total serán 37 visitas guiadas convencionais, lúdicas, con representacións... máis a novidade do "Verbum creativo" ou a demostración de traballo en vidro; 12 puntos de actividade, con ampliación de aperturas, exposicións permanentes e 10 exposicións temporais; e un total de 10 concertos, de artistas e formacións locais. Como é habitual, inaugurarase unha exposición temporal na Casa das Artes ás 20:00 h baixo o título "Forever young".

Todos os centros da RMM ampliarán o seu horario normal de funcionamento ata as 02:00 h (madrugada do sábado) co obxecto de potenciar, tanto nos equipamentos do centro da cidade como da periferia, o desenvolvemento de actividades para todo tipo de públicos relacionadas coas coleccións e as exposicións.

A Casa Galega da Cultura acolle unha nova exposición sobre Carlos Casares e o seu interese pola fotografía

Este xoves, día 3 de agosto, ás 12:00 h, inaugúrase na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a mostra "Carlos Casares e a fotografía", organizada pola Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Concellería de Cultura, dentro do programa de actividades promovido con motivo da designación do escritor para celebrar o Día das Letras Galegas 2017.

Carlos Casares, persoa no que a curiosidade ocupaba un lugar notable, posuía un notorio interese cara á fotografía, alén dunha estimable colección de cámaras fotográficas. Esta mostra recolle fotografías tiradas polo propio Casares e outras nas que el mesmo aparece fotografado, en moitos casos incluso disparando fotografías ou en relación con aparellos fotográficos. Trátase dun conxunto de fotos pertencentes ao que se podería chamar, no sentido contemporáneo do termo, o álbum familiar. Dous grandes apartados configuran este corpus fotográfico: o retrato e a fotografía de viaxes.

En resumo, esta mostra, comisariada por Vítor Vaqueiro e Gustavo Adolfo garrido,  tenta poñer ao público en contacto cunha faceta descoñecida do escritor.

Ampliación horarios por exames na Biblioteca Pública Juan Compañel en xullo e agosto

Co obxecto de facilitar o estudo polo periodo de exames e o uso das instalacións públicas, a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6), en colaboración coa Concellería de Cultura, ampliará o horario de apertura da súa Sala de Lectura, según o seguinte:

 

- Periodo de ampliación: 

Xullo e agosto.

- Horarios ampliados durante ese periodo: 

Luns a venres, non festivos: de 16:00 h a 20:00 h

Páxinas

Subscribe to Noticias