Noticias

Saúda do concelleiro

Benvido ao novo lugar da Cultura de Vigo. Nesta nova páxina, poderás atopar a información máis completa sobre todas as actividades de ámbito cultural, promovidas e/ou apoiadas pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo.

Música, teatro, danza, exposicións, museos, cine... A oferta máis ampla para toda a cidadanía. Unha páxina que nace coa vocación de informar e, coas túas suxestións, medrar continuamente e converterse nun espazo de referencia na nosa cidade. Porque a cultura é parte da nosa educación.

Esperamos que sirva para estar ao corrente da vida cultural municipal.

Cayetano Rodríguez Escudero
Concelleiro-delegado da Área de Cultura
Concello de Vigo

A Sociedade Coral de Torrelavega ofrece un concerto no Auditorio "Martín Códax" do CSM o sábado 26 de agosto

O sábado 26 de agosto, ás 20:00 h, terá lugar un concerto da Sociedade Coral de Torrelavega no Auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música (r/ Manuel Olivié, 23), que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e do propio conservatorio.

A Sociedade Coral de Torrelavega foi fundada no ano 1925, baixo a dirección de D. Lucio Lázaro López, comezando en 1930 a súa proxección a escala nacional. Ao longo de tan dilatado espazo de tempo, colaborou con numerosas agrupacións instrumentais e de canto, así como con prestixiosos directores tales como Antonio José, Otaño, Prieto ou Arámbarri.

Ten realizado actuacións coa Orquestra de Cámara Alemá Baden Württemberg, coa Orquestra de Cámara de Ekaterimburgo, ou con conxuntos instrumentais como "Mixture" e "Anacrusa"; a coral ten realizado xiras musicais por diferentes países de Europa como Francia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Inglaterra, ademais de levar as particularidades da música de Cantabria por todas as rexións de España.

En recoñecemento ao seu labor de divulgación e engrandecemento da música coral ao longo de tan dilatado espazo de tempo, a coral foi distinguida coa medalla de ouro da cidade de Torrelavega.

A entrada ao concerto será libre até completar o aforamento do auditorio.

"A NOITE BRANCA" da Rede de Museos Municipais celebra o venres 11 de agosto a súa quinta edición

A Concellería de Cultura promove o programa cultural "A NOITE BRANCA", que se desenvolverá o venres 11 de agosto. Esta iniciativa, iniciada hai cinco anos, ten como principal obxectivo poñer en valor  o patrimonio da nosa cidade á vez que desenvolve unha manchea de actividades nos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo (Pazo-Museo "Quiñones de León", Verbum-Casa das Palabras, Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego", Casa Galega da Cultura, Casa das Artes, MARCO-Museo de arte contemporánea de Vigo e Museo Liste-Etnográfico de Vigo); todo nun horario amplo, procurando maiores atractivos para a cidadanía viguesa e para as persoas que visitan a cidade nestas datas. 

Ao igual que no ano anterior, súmanse a esta iniciativa os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano (Toralla), dependentes da concellería de Patrimonio Histórico, a “Sede Afundación Vigo” (a través do centro Naturnova) e o Museo do Mar de Galicia.

Fiel á súa filosofía de gratuidade, sustentabilidade e participación, nesta quinta edición vólvese a realizar unha oferta extensiva e diversificada, que obriga á escolla, nunha noite de verán chea de vitalidade e xentes nas rúas e espazos. En total serán 37 visitas guiadas convencionais, lúdicas, con representacións... máis a novidade do "Verbum creativo" ou a demostración de traballo en vidro; 12 puntos de actividade, con ampliación de aperturas, exposicións permanentes e 10 exposicións temporais; e un total de 10 concertos, de artistas e formacións locais. Como é habitual, inaugurarase unha exposición temporal na Casa das Artes ás 20:00 h baixo o título "Forever young".

Todos os centros da RMM ampliarán o seu horario normal de funcionamento ata as 02:00 h (madrugada do sábado) co obxecto de potenciar, tanto nos equipamentos do centro da cidade como da periferia, o desenvolvemento de actividades para todo tipo de públicos relacionadas coas coleccións e as exposicións.

A Casa Galega da Cultura acolle unha nova exposición sobre Carlos Casares e o seu interese pola fotografía

Este xoves, día 3 de agosto, ás 12:00 h, inaugúrase na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a mostra "Carlos Casares e a fotografía", organizada pola Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Concellería de Cultura, dentro do programa de actividades promovido con motivo da designación do escritor para celebrar o Día das Letras Galegas 2017.

Carlos Casares, persoa no que a curiosidade ocupaba un lugar notable, posuía un notorio interese cara á fotografía, alén dunha estimable colección de cámaras fotográficas. Esta mostra recolle fotografías tiradas polo propio Casares e outras nas que el mesmo aparece fotografado, en moitos casos incluso disparando fotografías ou en relación con aparellos fotográficos. Trátase dun conxunto de fotos pertencentes ao que se podería chamar, no sentido contemporáneo do termo, o álbum familiar. Dous grandes apartados configuran este corpus fotográfico: o retrato e a fotografía de viaxes.

En resumo, esta mostra, comisariada por Vítor Vaqueiro e Gustavo Adolfo garrido,  tenta poñer ao público en contacto cunha faceta descoñecida do escritor.

Ampliación horarios por exames na Biblioteca Pública Juan Compañel en xullo e agosto

Co obxecto de facilitar o estudo polo periodo de exames e o uso das instalacións públicas, a Biblioteca Pública Juan Compañel (r/ Joaquín Yáñez, 6), en colaboración coa Concellería de Cultura, ampliará o horario de apertura da súa Sala de Lectura, según o seguinte:

 

- Periodo de ampliación: 

Xullo e agosto.

- Horarios ampliados durante ese periodo: 

Luns a venres, non festivos: de 16:00 h a 20:00 h

"IMAXINA SONS" presenta a programación da súa décimo terceira edición

A Concellería de Cultura presenta a programación da décimo terceira edición do Festival de Jazz de Vigo IMAXINA SONS, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 8 de xullo en distintos espazos da cidade, con especial presenza do Auditorio Municipal do Concello, o MARCO e maila rúa Londres.

Imaxina Sons é unha iniciativa municipal que se mantén no tempo en base a parámetros de calidade artística e vontade de satisfacer a diversos públicos, a maiores dos afeccionados ao jazz. Unha aposta pola cultura desde o ámbito municipal, que fai que o festival poda manterse fiel aos seus principios de programar jazz europeo, dándolle aos vigueses a oportunidade de ver artistas de primeira fila, e de promocionar e apoiar o jazz galego e o jazz español.

Nesta edición, o festival preséntase coas baterías cargadas de novo baixo a batuta de Lucía Martínez; ao igual que o ano anterior, primeira edición que dirixiu, a percusionista viguesa ten como obxectivo reforzar e apoiar a presenza do jazz europeo, con especial atención á escena máis próxima. As marcas de identidade do Imaxina Sons xa son inequívocas ao longo destas edicións: atención ás figuras consolidadas e aos artistas emerxentes do jazz europeo, escaparate para as novas propostas do jazz en Galicia e na península, concertos ao aire libre que impliquen á cidadanía e apoio aos músicos e clubs da contorna próxima. Ademais Imaxina Sons debe entenderse como unha ferramenta cultural, auspiciada desde o ámbito administrativo máis próximo ao cidadán, o municipal, que ten como fin, tamén, vertebrar o espazo urbano como espazo de encontro e celebración da música.

IMAXINA SONS'17 trae á cidade o talento do jazz europeo, ou sendo máis exactos, unha boísima representación na que, ademais, destaca o talento galego. Con algunha excepción xeográfica, algo que non é inusual no festival de Vigo, como a proposta inaugural co compositor e pianista estadounidense Uri Caine, en formato trío xunto a Kenny Davis e Clarence Penn. Durante nove días consecutivos, a banda sonora de Vigo virá tamén da man de Abe Rábade, Marc Ducret, Santiago Quintáns, Carlos Bica ou Xan Campos, entre outros. Na última xornada, un dos grandes directores de orquestra de jazz, fundador da icona do free, a Globe Unity Orchestra, que aínda non visitara o festival: Alexander Von Schlippenbach, co seu Monk´s Casino.

Esta décimo terceira edición conta no seu programa con moita música feita en Galicia. Xa na segunda xornada do festival, o sábado 1 de xullo Abe Rábade presenta en Vigo o seu traballo "Once". O xoves 6 de xullo coinciden na xornada Alfonso Calvo Septet, que reúne a algúns dos músicos máis relevantes do panorama jazzístico galego, e na noite, na Rúa Londres, Alejandro Vargas Trío, presentando o seu disco "Diablito Baila", nun concerto en colaboración coa Fundación SGAE. Xa o sábado 8 de xullo, no peche de edición, Xan Campos co seu proxecto ESD, un traballo que marca unha diferenza cos seus discos anteriores conducindo cara sons máis eléctricos, jazz—rock e psiquedelia.

Haberá máis jazz de proximidade nos concertos programados en clubs e no espazo público. Marosa Jazz Project no Vitruvia Café (30 xuño) e Javier Marcos Quinteto en La Casa de Arriba (4 xullo). En sesión diurna, máis jazz en diferentes prazas e espazos da cidade da man de grupos como David Puime Trío (2 xullo) e Electric Succory (8 xullo).

Nos concertos do MARCO, coinciden en 2017 tres grandes intérpretes e compositores que desenvolven boa parte do seu traballo alén das nosas fronteiras: o saxofonista Albert Cirera (3 xullo), o frautista Julián Elvira (5 xullo) e o vigués Santiago Quintáns (4 xullo) coa súa guitarra eléctrica.

E, aínda que non é un habitual do Imaxina Sons, soará o latin jazz nesta edición. Co percusionista Yuvisney Aguilar, na noite do venres 7 de xullo na rúa Londres, nun concerto dedicado a Gonzalo Villar. Falecido o pasado mes de marzo, Villar foi un promotor e colaborador da música en directo, rexentando locais como El Malecón, Manteca ou Xancarajazz, centros de efervescencia musical diaria, que foron tamén espazos colaboradores de Imaxina Sons.

Como é habitual, o festival contará co programa de actividades “Academia de Sons” a desenvolver no MARCO por quinto ano consecutivo. Un convite á interactuación entre xeracións convidando a pequenos e maiores a experimentar ao redor da música e do jazz con incursións no audiovisual, nas artes plásticas, na tradición oral e na electrónica. A inscrición para estas actividades realizarase a través do servizo de Atención Cidadá 010, a partir do martes 20 de xuño.

As entradas para os concertos de pagamento (Auditorio Municipal e salón de actos do Marco), poranse á venda anticipadamente o xoves 15 de xuño no servizo de Ticketea (www.ticketea.com, teléfono 902.044.226 e Central de Espectáculos).

A Rede de Museos Municipais organiza unha programación especial polo Día Internacional dos Museos 2017

Desde 1977 o ICOM (Consello Internacional de Museos) elixe cada ano un tema para o Día Internacional dos Museos, o día 18 de maio, cuxo obxectivo é compartir as preocupacións da comunidade museística coa sociedade.

Este ano o evento xira arredor do tema “Museos e historias controvertidas: Dicir o indicible nos museos”, que ten como obxectivo narrar historias dolorosas e traumáticas, a miúdo descoñecidas ou mal coñecidas, pero que teñen un eco universal e nos concirnen e incumben a cada un de nós. Aceptar un pasado doloroso constitúe un primeiro paso para contemplar un porvir común baixo o signo da reconciliación.

Por este motivo, o Concello de Vigo, a través da súa Rede de Museos Municipais, ten preparado un programa que vai incidir na temática do DIM 2017 a través de cinco historias ambientadas nos propios espacios museísticos que conforman a rede.

Así, na Pinacoteca Municipal FFR (r/ Abeleira Menéndez, 8) se introducirá a guerra de independencia sufrida entre España e Portugal entre 1648 e 1668, un conflicto bélico de case 30 anos que arraxou todo o territorio fronteirizo de ambos países.

Na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) aproveitarase un suceso, o incendio do antigo Concello, para introducir os cambios que experimentará a vila na 2ª metade do século XIX para conformar a actual cidade industrial que coñecemos hoxe.

No Verbum (avenida de Samil, 17), a exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo", sírvenos de marco para introducir a formación do Imperio Romano e conquista da Penísula Ibérica no século I a.C, dentro da súa política de expansión militar para o control do mediterráneo e das súas rutas comerciais.

A Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15), un edifico proxectado durante a II República e executado coa Ditadura, nos dará pé para introducir o tema da Guerra Civil Española na cidade e as súas consecuencias.

E por último, no Museo Municipal "Quiñones de León" (parque de Castrelos, s/n), falaremos de dúas doazóns cruzadas no tempo e que conformaron o actual museo, para narrar unha historia na que se mixturan mortes, emigración, negociacións, desaparicións...

Os cinco centros da Rede de Museos Municipais terán un horario especial de apertura o xoves 18 de maio, de 17:00 a 22:00 h, nas que o público poderá coñecer as "historias controvertidas" elixidas para cada un deles a través de paneis informativos, que estarán dispoñibles ata o domingo 21 de maio. Así mesmo, cada centro contará cunha visita guiada para público en sala, seguida dun concerto musical, onde poderán profundizar en cada un destes temas.

Tamén se suman a esta celebración o Museo Liste-Etnográfico de Vigo e mailo MARCO con actividades especiais que figuran no programa que se achega.

Inauguración da exposición "Tempos dun encontro. Ánxel Huete, Manel Lledós, Miguel Saco" na Casa das Artes

Este xoves, día 18 de maio, ás 20:00 h, terá lugar na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a inauguración da exposición "Tempos dun encontro. Ánxel Huete, Manel Lledós, Miguel Saco", promovida pola Concellería de Cultura.

Esta exposición aborda a acción artística desde a experiencia dun lugar. Un espazo de tempo concreto, fixado e cargado de intencións: Nova York a comezos dos anos oitenta; desexado, imaxinado e vivido polos artistas Ánxel Huete (Ourense, 1944), Manel Lledós (Barcelona, 1955) e Miguel Saco (Ourense, 1956). Un encontro compartido que agora se revisa na procura de reactivalo, a través das obras realizadas neses anos xunto ás súas últimas pinturas e esculturas.

A elección da illa de Manhattan como destino do seu periplo vital e mental, explícase no desexo de buscar estímulos, aspirando a integrarse na súa diferenza, seducidos pola toma de contacto coa idea de modernidade, que esta cidade viña ofrecendo desde os anos vinte e, xa definitivamente, desde o fin da II Guerra Mundial. Nela, estes artistas iniciaron un excéntrico encontro, compartindo a vida nun mesmo apartamento e estudo no Lower East Side, que foi o epicentro do seu breve tempo xuntos na cidade dos rañaceos —Lledós e Saco lograron incorporarse ao complexo sistema americano, mentres a memoria comprometida de Huete fíxoo regresar e seguir creando e implicándose desde Galicia—. Un relato persoal que se enfronta á cidade idealizada e mediatizada polo cine, a música e a literatura, a través de sensibles narracións cotiáns, baseadas en experiencias de supervivencia nun dos seus barrios máis antigos e perigosos, definidas nunha precariedade de medios e  barreiras idiomáticas que dan conta da dureza persoal e profesional que viviron. Todo axustado en intensas impresións, que son as que quedan, as que se instalan na memoria como interferencias que regresan de lonxe para axitar os pensamentos.

 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 23 de xullo.

Prorrógase a exposición "Hoxe toca o Prado" ata o 4 de xuño

A Concellería de Cultura e mailo Museo Nacional del Prado prorrogan a exposición "Hoxe toca o Prado", que se pode visitar na Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego" (r/ Abeleira Menéndez, 8), ata o domingo 4 de xuño. A  exposición presenta reproducións en relevo dalgunhas das pinturas máis representativas do Museo Nacional del Prado. Son o Noli me tangere, de Correggio; A Gioconda, do taller de Leonardo da Vinci; A Fragua de Vulcano, de Velázquez; O cabaleiro da man no peito, de El Greco; o Bodegón con alcachofas, flores e recipientes de vidro, de Van der Hamen, e A antuca, de Goya. Móstrase tamén a reprodución dunha obra dos fondos municipais do Museo "Quiñones de León": Santa Cecilia, atribuída a Carlo Dolci.

Unha audioguía ofrece as indicacións necesarias para facer o percorrido táctil das pezas expostas. A exposición conta así mesmo con paneis e cartelas en braille. É, polo tanto, especialmente accesible a persoas con algún tipo de discapacidade visual.

Ademais, ofrécense lentes opacas —que impiden a visión— para lles facilitar esta interesante experiencia sensorial a todos os visitantes da exposición.

Inauguración exposición "O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares" na Casa Galega da Cultura

Este mércores, día 10 de maio, ás 20:00 h, terá lugar na sala de exposicións da Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) a inauguración da exposición "O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares", organizada pola Fundación Carlos Casares, coa colaboración da Concellería de Cultura.

O Principiño (Le Petit Prince, orixinalmente) publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry, que escribiu mentres se hospedaba nun hotel de Nova York. É un relato filosófico cunha enorme carga poética que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida e o amor, a morte, a amizade, as actitudes e as preocupacións da vida. Foi ilustrado polo propio autor e está dedicado ao seu amigo León Werth, “cando era neno”. Traducido a máis de 200 linguas e dialectos (en máis de 600 edicións), leva vendido unha cifra superior aos 90 millóns de copias en todo o mundo.

A colección de principiños de Carlos Casares evidencia a paixón do escritor polo libro de Saint-Exupéry, que el mesmo traduciu ao noso idioma en 1972, nun hotel de Viana do Bolo. A partir daquel momento foi mercando calquera edición que atopara nas súas viaxes polo mundo. Tamén os amigos, sabedores do seu gusto, o agasallaban con exemplares curiosos. Así, foi medrando unha colección que en vida do escritor superaba o centenar de volumes, en diferentes linguas e dialectos do mundo. A Fundación Carlos Casares ten como misión ofrecela para coñecemento público, como era vontade do escritor.

No momento da súa morte, Carlos Casares tiña na súa colección máis de 100 volumes de distintas edicións de Le Petit Prince en linguas xermánicas, eslavas, románicas, escandinavas e mesmo orientais. Ademais de contar coa obra nas linguas da península ibérica (galego, portugués, castelán, éuscaro e catalán) tiña tamén obras en aragonés, asturiano ou estremeño. A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70, así como edicións especiais e outros obxectos do tradutor que explican o amor pola obra O principiño. Casares tiña esa alma infantil que nunca se perde de todo a pesar da idade.

Con esta exposición a Fundación Carlos Casares e o Concello de Vigo contribúen na difusión da figura do escritor ourensán ao que neste ano 2017 se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Páxinas

Subscribe to Noticias